06:32 h. Martes, 21 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

A Casillas menos mal que lle queda Portugal

Agora que xa vai decaendo a conmoción que supuxo a marcha de Casillas do Real Madrid para un país como España, sen maiores problemas, é hora de analizar o impacto deste feito tan traumático nas nosas vidas. Non vaia ser que deixe secuelas irreversibles

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  16 de Julio de 2015 (00:03 h.)
Más acciones:

 

Como pese a todo a vida segue e hai que sobrepoñerse, imos sabendo e asimilando detalles da operación de traspaso e das reaccións do entorno máis achegado ao laureado porteiro. Tivemos ocasión de saber nunha lacrimóxena rolda de prensa que o Madrid é e será o clube dos seus amores, aínda que iso non inclúe ao pérfido presidente blanco Florentino Pérez, que pretendía librarse del sen darlle un can e sen homenaxes multidudinarias onde os pitos desta volta igual mudaban de sentido e recaían no presidente e non no homenaxeado, como viña sendo habitual nos últimos tempos. Porque a bancada, na súa inmensa sabedoría, sabe ser piadosa cos xa executados. O benévolo Casillas, tamén na súa magnanimidade, decidíu non perdoar un euro a ese clube que leva no corazón e que lle deu tanta gloria e títulos. A ver, non é por interese económica nin por revancha porque despois de vintecinco anos queiran poñer a  outro no teu sitio: é porque as mudanzas non son gratis e unha axudiña de seis millóns de euros nunca ven mal. 

Consumada a marcha, xa sabemos que o novo destino será Porto, a segunda cidade máis importante de Portugal, á ribeira do Douro e de afamada beleza. Xa todo o mundo se daba por congratulado cando saltou á palestra a nai do campión Casillas para laiarse de que fose recalar no modesto F. C. Porto. Un equipo que ela consideraba que para o nivel do seu fillo non pasaba de ser un Segunda B, por máis que o Porto sexa un clube que nunca ten descendido de Primeira en toda a historia da competición portuguesa. Tamén que conta con outros méritos como ter só unha Champions menos que Casillas e igual número de trofeos en Copa Intercontinntal, dúas, pese a militar éste no todopoderosísimo Real Madrid e por citar só algúns dos trofeos máis importantes que todo clube e xogador anhela gañar. A nai, que vive na gran e cosmopolita urbe de Móstoles, atopa que Porto non está á altura da categoría que require unha figura coma o do seu fillo. Que está en Portugal, por deus!.

Estremecidos aínda por esta desgarrada dor maternal, sóubese que a parella de Iker Casillas, Sa ra Carbonero, non parecía moi disposta a deixar a súa fulgurante carreira xornalística nunha televisión nacional. Nas lembranzas de todos as súas crónicas meteorolóxicas sobre o céspede de Sudáfrica no Mundial daquel país antes do comezo de cada partido. Fíxonos partícipes a todos da nitidez do ceo azul e de que difícilmente chovería. Igual de inesquecibles entrevistas como a feita a Iniesta ao final dun partido, preguntándolle se non lle houbese gustado tirar un penalti cinco minutos despois de acabar de lanzalo. Xornalismo de raza. Gracias, Sara. 

Pero por fin se despexou a incógnita e sabemos por grandes titulares que Sara Carbonero déixao todo por amor para trasladarse a Portugal, ese país veciño de Afganistán, sepultado entre montañas que impiden chegar a Madrid polos medios modernos que alumbran á civilización. Ela, a raíña dos anuncios de champú, quizais ignore a potente industria textil do país luso: as toallas. A pouco que teña vista empresarial (que sabemos que a ten), pode comercializar un pack de champú e toalla e vaite a saber se non acaba sacando a Portugal a flote e a ela da idea de que o país non é habitable máis alá do Algarve. Non sei como lle daremos pagado tantos sacrificios.

Finalmente, xa todos nós repostos de tanta incertidume e sobresalto, só nos queda que Casillas e familia se tomen a súa estancia en Porto coa mesma filosofía que popularizaron os nosos Siniestro Total: 

Ante todo....moita calma!