00:03 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Casas Novas, vellos vicios

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  30 de julio de 2015 (02:00 h.)

Parecemos condeados a que a Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro non coñeza amencer. A que a língua proletaria do meu pobo non se poida falar porque sí, porque nos gusta, nos peta e dá a gana

Entre os grosos muros da catedral de Santiago de Compostela, a día de hoxe aínda retumban os ecos do discurso do presidente Feijóo co gallo do 25 de xullo. Pese a tratarse do Día de Galicia, Feijóo referiuse á numerosa concurrencia en rexio castelán, temeroso quizais de que o Apóstolo non fose bilingüe e non o dese entendido como mesmo lle ven de pasar a unha cativa de dez anos no complexo de Casas Novas, sito en Arteixo e xestionado polo entorno familiar do mecenas por antonomasia de Galicia: Amancio Ortega,  e a onde a rapaza acudira para desfrutar dun campamento hípico. Alí a súa familia denunciou mediáticamente que foi vítima de humillación e discriminación polo delicto de expresarse en galego. Dúas monitoras parece que non atoparon normal que non falase en castelán como -presumiblemente-  facían todos os demais. Como se de repente Arteixo mudase a Fuencarral, argumentaban non entender á cativa para que ésta non se obcecase na teima de empregar unha língua oficial na Comunidade Autónoma onde se ubica Casas Novas. Igual tamén pode ser que non a atopaban refinada para participar en afeccións  de xente ben, sempre tan mundanas e políglotas pero de idiomas de verdade, non periféricos.

A rapaza non deu atopado acougo en ninguén da organización e acabou sentíndose desprazada e desprezada, polo que abandonou o campamento antes de tempo sen que ninguén fixese nada por impedilo e ante os escandalizados ollos da familia e, posteriormente, da opinión pública que provocou entre outras reacións unha protesta diante do complexo hípico.

Quizais poidese pasar por algo anecdótico se non se tratasen de recurrentes vellos vicios. Como aquel traballador dun hotel de Vigo que denunciou fai un tempo que lle prohibiran expresamente dende a xerencia falar galego en todo establecemento. Non fosen considerar os clientes que lles daban un servicio de segunda, ou que chegaban a un sitio sen lei nin civilización. Hai que facer que a xente que se ven hospedar a Galicia se sinta a salvo como sexa. Iso é o prioritario e non andar por aí confundindo co galego e incluíndoo nos currículums como se fose cousa de mérito, tal como fixo aquela moza que enviou o seu a un establecemento hoteleiro de Asturias e foille devolto pola dona instándoa e eliminar o galego do apartado de idiomas porque, segundo ela, non servía para nada andar presumindo de falar dialeitos. Que se de verdade queria chegar a traballar no seu local que estudase inglés, que todos sabemos que se fala moito na Comunidade asturiana. E non, non se ten constancia de que a dona fose Gloria Lago, que en tal caso aínda se tería entendido esa virulencia cara o idioma propio. Porque incriblemente debemos ser o único país do mundo onde os principais inimigos da língua que nos ven dada por termos nacido aquí, tamén son de aquí e non cellan no empeño de que desapareza. Ata o punto de terse creado unha asociación con ese único fin como é Galicia Bilingüe, cuxas tesis de que o galego falábase de máis en Galicia foron colaboradoras necesarias na vitoria de Feijóo nas súas primeiras elecións ganadas por maioría absoluto. Por iso el prefire o castelán para dirixirse aos galegos no día de conmemorar a súa identidade como tales. El é así, de ir a contrarrente coma os salmóns. O verdadeiro inimigo de Galicia é o novo alcalde de Compostela que vai rompendo tradicións seculares e andando por aí sen garabata. E falando en galego a todas horas coma un aldeán calquera.

Parecemos condeados a que a Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro non coñeza amencer. A que a língua proletaria do meu pobo non se poida falar porque sí, porque nos gusta, nos peta e dá a gana. Porque os mequetrefes desleigados e sen raíces seguen querendo conseguir que contemos a historia noutra língua.

Pero nin en Casas Novas nos apearán do cabalo. Antes caerán os vellos vicios.

Hemeroteca