00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

A xornada de convivencia ‘Mo-vémonos a… Lugo’ reunirá este sábado a unhas 500 persoas das comarcas do Centro e a Montaña da provincia

Stadio Sport  |  09 de abril de 2015 (04:15 h.)
IMG_8522

O Pazo Provincial dos Deportes de Lugo acollerá na tarde deste sábado o evento, que contará cun variado programa de actividades. O desprazamento destes colectivos estará subvencionado polo organismo provincial. En total, son preto de 700 as persoas pertencentes a 44 asociacións do centro da provincia que participan no programa ‘Mo-vémonos’

 

O vicepresidente e responsable de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, e Mercedes Reigosa, presentou este mércores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a terceira e última xornada de convivencia do programa ‘Mo-vémonos’, que terá lugar na tarde deste vindeiro sábado, día 11, no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo. Estivo acompañado por Mercedes Reigosa, coordinadora do programa, que recordou que esta xornada desenvolvese despois do éxito acadado polas organizadas en Mondoñedo e na Pobra do Brollón.

Veiga destacou que nesta actividade tomarán parte “unhas 500 persoas das 700 que están inscritas neste programa nas comarcas do centro de Lugo e a Montaña. Toman parte un total de 44 asociacións e colectivos destas zonas”, subliñou. Así mesmo, o vicepresidente provincial recordou que o programa ‘Mo-vémonos’ naceu “co obxectivo de achegar a actividade física moderada a toda a poboación, e de maneira especial a colectivos de distinta índole que presentan características moi marcadas e unha oferta escasa neste ámbito concreto, así coma fomentar a interrelación persoal e social buscando propiciar un espazo para o encontro e a participación social”, afirmou.

Deste xeito, estas xornadas de convivencia entre as asociacións participantes “buscan combinar estes dous obxectivos, converténdose nun espazo de encontro social no que o movemento sirva de base á participación e integración dos participantes nun día distendido, festivo e lúdico. De aí o xogo de palabras de Mo-vémonos, co moverse e o verse”, apuntou.

Para conseguilo, Veiga recalcou que os participantes “non serán meros suxeitos receptores de información e non se sentarán simplemente a observar, senón que serán os auténticos protagonistas das actividades”, indicou. Para facelo posible habilitarase un espazo común onde practicarán diversas actividades físicas grupais (mobilidade articular, obradoiro baile, aeróbic, obradoiro xoguetes tradicionais, taichi), haberá unha monólogo do actor Avelino González (presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e un dos protagonistas da serie ‘Padre Casares’), os participantes repoñerán formas saboreando uns petiscos amenizados con música e rematarán cun baile final.

 

Programa completo

A xornada arrancará ás 15 horas coa saída dende distintos puntos destas comarcas dos buses que recollerán aos participantes nos seus concellos de orixe e os transportarán ata o Pazo Provincial dos Deportes de Lugo. O custo destes autobuses está sufragado integramente pola área de Benestar e Deporte da Deputación.

Ás catro da tarde realizarase a recepción das asociacións e ás 16:30 horas darán comezo as actividades físicas grupais (mobilidade articular, baile latino, obradoiro de xoguetes tradicionais, taichí e aeróbic), que contarán nesta ocasión co reforzo, no referente aos xogos e xoguetes tradicionais, de Xotramu (Xogos Tradicionais de Muimenta), mentres que membros da academia Ritmo Lugo participará no obradoiro de bailes. Para as sete da tarde está programado o monólogo de Avelino González e ás 19:45 horas terá lugar o acto de clausura da xornada. Posteriormente, os participantes degustarán uns petiscos pa repoñer forzas amenizados por unha actuación musical e ás nove da tarde darase por pechada a xornada e os autobuses devolverán aos participantes ás súas respectivas localidades.

 

Neste programa participan preto de 2.000 persoas de toda a provincia

No programa ‘Mo-vémonos’, cuxas clases botaron a andar o pasado 15 de setembro e rematarán o 15 de xuño deste ano, participan preto de 2.000 persoas de toda a provincia de Lugo e supón unha nova aposta da Vicepresidencia Primeira da Deputación polo benestar no rural. “As sesións que ofrece este programa son moi importantes porque queremos que se convertan nun motivo de encontro social entre a veciñanza das parroquias do rural, cada vez máis despoboadas e cunha alta taxa de avellentamento”, sinalou Antonio Veiga.

Hemeroteca