00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Vicepresidencia da Deputación de Lugo volve destinar 70.000 euros para colaborar con deportistas individuais da provincia, que non poden acceder a outro tipo de convocatorias desta institución

Stadio Sport  |  10 de octubre de 2014 (20:00 h.)
IMG_4090

Concederanse un máximo de 200 bolsas a deportistas menores de 35 anos, salvo aqueles de capacidades especiais, cuxas cantidades poden ir desde os 300 aos 2.000 euros. Este ano establecese un novo baremo, no que se terán en conta os dous mellores resultados acadados durante a tempada. O prazo para solicitalas comezará o vindeiro luns e finalizará o mércores 29 de outubro

 

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, deu conta esta mañá na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno do organismo provincial de que a área de Deportes aprobou as bases que rexerán a convocatoria para a anualidade de 2014 das bolsas destinadas a apoiar a deportistas individuais, para o cal se volverán a destinar 70.000 euros. Segundo explicou Antonio Veiga, esta convocatoria ten como finalidade “apoiar a deportistas que competiron en 2013 en modalidades individuais e non poden acceder a outro tipo de convocatorias desta institución e de outras ás que se accede mediante os equipos”, apuntou.

BASES

O importe total das axudas non variou con respecto ás convocatorias dos últimos tres anos, manténdose a dotación orzamentaria en 70.000 euros, aínda que si o fixo o baremo para a concesión da subvención, xa que este ano non se valorará só o mellor resultado da tempada, como se viña facendo ata o de agora, senón os dous mellores, algo que serve para restarlle un pouco de presión aos propios deportistas. Manterase a obrigatoriedade de ter competido nun mínimo de catro probas, salvo casos excepcionais. “Manter este investimento supón un esforzo importante para a Vicepresidencia, e máis en concreto para a área de Deportes, pero permite cumprir cun dos obxectivos que sempre nos marcamos, como é a aposta polo deporte de base lucense e polos nosos deportistas. Dúas das prioridades sobre as que sempre xiran as medidas tomadas por este goberno son garantir o benestar social e fomentar o deporte”, apuntou Veiga.

 

Mínimo de 300 euros e máximo de 200 bolsas

As bases destas axudas establecen catro liñas de axuda segundo a ideade dos e das aspirantes: (A) ata os 16 anos, dotada con 38.000 euros; (B) entre os 17 e os 25 anos, dotada con 25.000 euros; (C) de 26 a 35 anos, ambos incluídos, dotada con 3.000 euros; (D) deportistas con capacidades diferentes –sen límite de idade- e aqueles menores de 36 anos que non puideron competir durante o ano 2013 por estaren lesionados, dotada con 4.000 euros. Concederanse un máximo de 200 bolsas e ningunha poderá ter un importe máximo de 2.000 euros e mínimo de 300. Cada deportista só poderá optar a unha única axuda, con independencia do número de modalidades deportivas que practique.

 

Media de colaboración con 175 deportistas

Finalmente, Veiga concluíu a súa intervención recordando que esta liña de subvencións serve cada ano para axudar a unha media de 175 deportistas da provincia. Este mesmo sábado saíran publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia, momento a partir do cal os deportistas contarán con 15 días hábiles para presentar a súas solicitudes, rematando deste xeito o prazo o vindeiro 29 de outubro.

Hemeroteca