01:47 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

A Universidade de Vigo, terceira nos XXVIII Xogos Galaico Durienses

Participaron 186 deportistas de seis universidades de Galicia e do norte de Portugal. Atletas dos tres campus quedaron en segunda posición en natación e balonmán; en voleibol, sextos

Noemí Rey | Ourense  |  28 de Noviembre de 2014 (00:00 h.)
Más acciones:

 

A vixésimo oitava edición dos Xogos Galaico Durienses pechou onte as súas portas tras dúas xornadas de competición na vila portuguesa de Vila Real, onde se deron cita 240 persoas entre deportistas e técnicos de seis universidades públicas de Galicia e do Norte de Portugal: Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Trás-os-Montes e Alto Douro, Minho e Porto. A delegación da Universidade de Vigo, composta por 26 atletas dos tres campus, acabou en terceira posición na clasificación xeral, por detrás da Universidade de Porto e da vencedora, a Universidade de Minho. En total, 186 deportistas e 30 voluntarios que fixeron que das xornadas unha experiencia inesquecible e “moi enriquecedora”. 

 

 

Por deportes, os nadadores do equipo vigués conseguiron empatar a puntos na competición cos miñenses, sen embargo ao ter unha vitoria menos que os participantes lusos tiveron que conformarse coa segunda posición. E, mentres en balonmán quedaron tamén segundos tras enfrontarse aos xogadores da Universidade de Minho e ir gañando case todo o partido, en voleibol caeron ata a sexta posición, os últimos da táboa. Nesta ocasión a universidade viguesa viaxou ata Vila Real con 12 xogadores e xogadoras de balonmán, 10 de voleibol e 4 de natación e dúas adestradoras. 

 

 

A Universidade de Vigo, próxima anfitrioa

Foron dous días “animados” nos que tanto técnicos como alumnos e alumnas puideron gozar da competición deportiva e estar en contacto “con amigos que estudan noutras universidades e aos que se atopan ao longo do ano en diferentes torneos”. Dende o Servizo de Deportes tamén resaltan a importancia da experiencia para os técnicos, que poden ver como se traballa neste departamento nas diferentes universidades participantes, e o bo ambiente que se respira sempre. “Unha das cousas máis bonitas é que ao finalizar os encontros e facer as fotos de equipo vendo a cara aos deportistas nunca sabes quen son os gañadores e quen os perdedores”, salientan. 

 

 

A Universidade de Vigo será a próxima anfitrioa destes Xogos Galaico Durienses, que en 2015 chegan á súa vixésimo novena edición. Esta competición comezou en 1993 na Universidade de A Coruña e, dende entonces, por ela pasaron máis de 7000 estudantes nunha actividade que expresa os lazos de cooperación e convivencia entre as seis universidades.