01:38 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

O Servizo de Deportes continúa o seu proceso de internacionalización

Javier Rial e Román Lago participan esta semana en Berlín nunha International Week. Presentaron iniciativas como Train and Talk que conxuga actividade física e idiomas

Duvi | Vigo  |  06 de Junio de 2014 (00:00 h.)
Más acciones:

 

O Espazo Europeo de Educación Superior abriu as portas a colaboracións máis intensas entre universidades de diferentes países. Nos últimos anos proliferaron as International Administrative and Teaching Staff Training Week, sesións formativas pensadas especialmente para o persoal das universidades sobre diferentes temas, pero sempre dende a perspectiva da internacionalización. Se o ano pasado a Universidade de Vigo organizou unha semana internacional centrada no deporte, desta volta é a Freie Universität Berlin á que se encarga de tomar o relevo. Participan nela en representación da Universidade viguesa, Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes e o técnico Román Lago. Eles foron os encargados de facer unha presentación do traballo que se fai dende a institución viguesa para buscar a internacionalización a través do deporte.

O vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, que participou noutras International Week nas últimas semanas, explica que cada universidade pode organizar un destes eventos que buscan ofrecer un punto de encontro para que as institucións de ensino superior rompan barreiras e acaden alianzas que lles permitan proxectarse máis aló das fronteiras. De feito, este ano o campus de Vigo acollerá outra International Week, nesta ocasión, centrada nas linguas.


 

Un Servizo de Deportes con acento internacional

A internacionalización é un dos eixos estratéxicos da Universidade de Vigo, que o Servizo de Deporte fixo seu. Nos últimos anos teñen posto en marcha múltiples iniciativas encamiñadas a incorporar estudantes estranxeiros ás actividades pero tamén a posicionarse nun espazo de educación global. A organización do Forum FISU e do Mundial Universitario de Taekwondo en 2010 foron abrindo as portas, e a primeira International Week sobre deporte celebrada en 2013 foi a constatación desta aposta. 

Un dos exemplos máis claros é a posta en marcha durante este curso do programa Train and Talk, co obxectivo de que estudantes propios e estranxeiros se relacionen a través do deporte ao tempo que practican idiomas. Outra das apostas foi incorporar estudantes estranxeiros en prácticas aos diferentes departamentos ao Servizo de Deportes. 

O principal atranco neste proceso, como explicaron Rial e Lago estes días en Berlín, “é o baixo nivel de inglés que teñen os estudantes universitarios españois, por iso decidimos poñer en marcha iniciativas que permitan a práctica de idiomas interaccionando cos estudantes estranxeiros”. Tamén apostaron pola comunicación en inglés, tanto na páxina web como nas redes sociais e por estreitar as relacións coa Oficina de Relacións Internacionais.


 

O “aire fresco” dos bolseiros Erasmus

Na súa presentación fixeron especial fincapé na figura dos bolseiros Erasmus incorporados temporalmente ao organigrama do Servizo de Deportes, especialmente dedicados a labores de comunicación, márketing, etc. Entre os beneficios de contar con este tipo de colaboradores, Rial destaca que permite que o persoal practique idiomas, fomenta unha contorna internacional e, ao ser xente nova, facilita o contacto co estudantado, tanto propio como internacional e “achegan novas ideas e aire fresco”. Por exemplo, no grupo de Facebook do Train and Talk hai máis de 200 membros e nel comparten información sobre actividades, sobre a Universidade e tamén propoñen novas iniciativas para desenvolver”. Entre os deportes dos que se crearon grupos dentro do Train and Talk están o bádminton, o voleibol, o fútbol ou as carreiras. A integración dos estudantes estranxeiro aumenta a través destes programas e, de feito, foron moitos os que colaboraron como voluntarios na carreira 10 Km Cidade Universitaria e na plantación de árbores para mitigar a pegada ecolóxica desta carreira.