00:10 h. jueves, 25 de abril de 2024

O secretario xeral para o Deporte participou na presentación do Arnette O Marisquiño XIV que terá lugar no porto vigués do 8 ao 10 de agosto

Stadio Sport  |  07 de mayo de 2014 (03:00 h.)
o marisquiño

Está previsto que máis de 1.100 deportistas de 50 nacionalidades participen este ano nas diversas modalidades e competicións programadas, ante a presenza de máis de 85.000 visitantes

 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación do evento de cultura urbana e deporte extremo Arnette O Marisquiño XIV, que terá lugar na zona portuaria de Vigo os días 8, 9 e 10 de agosto.

Lete Lasa deu os parabéns aos organizadores e restantes patrocinadores desta cita de referencia a nivel nacional e internacional, por ser quen de manter o atractivo e o nivel do evento, que ao longo das súas catorce edicións creceu en asistentes, modalidades e número de probas, buscando sempre renovarse e mellorar cada ano, e que require dun alto esforzo de planificación, dirección e xestión, o que mostra que “cando as cousas se fan con profesionalidade e se aposta pola calidade, o éxito e a consolidación están asegurados”.

O secretario xeral subliñou o interese da celebración de eventos deportivos de alto nivel, non só porque favorecen a práctica do deporte senón tamén polos seus numerosos beneficios económicos, sociais, turísticos, sanitarios e  educativos. Neste sentido, valorou a achega do Marisquiño á dinamización da economía do sur galego, á construción das marcas de Vigo e de Galicia, que con eventos así se asocian aos valores de vangarda, espírito de aventura e modernidade, ao tempo que xorden novas ideas e visións do concepto de cidade, e, non menos importante, se promove a actividade física especialmente entre os máis novos a través de disciplinas deportivas moi atractivas para eles. 

Segundo as estimacións dos responsables do Marisquiño, máis de 1.100 deportistas de 50 nacionalidades participarán nas diversas modalidades e competicións programadas, ante a presenza de máis de 85.000 visitantes. Este ano, o crecemento sustentable do festival obriga a ampliar espazos, ocupando unha superficie total de máis de 92.000 metros cadrados e estendendo as actividades e servizos a espazos da Zona Franca, Estación Marítima e Berbés.

As disciplinas contempladas no evento abranguen o skateboard, o dirt jump de mountain bike, o BMX nas súas modalidades street e flatland,  o descenso urbano en mountain bike, o freestyle motocross, e o b-boying ou break dance,  ademais de exhibicións de graffiti  e espectáculos musicais. Algunhas das probas son puntuables para competicións de carácter internacional, como a Copa do Mundo de Skateboarding e, no caso do dirt jump, o Circuíto Mundial da Freeride Mountain Bike Association (categoría prata).

Este ano serán especialmente atractivas as exhibicións de saltos de freestyle motocrós, posto que os pilotos poderán voar distancias superiores a 40 metros de longo, acadando alturas superiores aos 11 metros.

No acto desta mañá participaron, ademais do titular de Deportes da Xunta, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, os deputados provinciais, Chema Figueroa e Begoña Estévez, o presidente do Porto de Vigo, Ignacio Lópéz Chaves, o deportista Dany Lozano (rider), así como Carles Malagarriga e Laura Muriel en representación de Arnette e Casio- G-Shock respectivamente, e Carlos Domínguez, membro da organización.  

Hemeroteca