00:02 h. jueves, 28 de marzo de 2024

O secretario xeral para o Deporte participa do V Congreso Mundial do Deporte Escolar, Educación Física e Psicomotricidade

Stadio Sport  |  05 de noviembre de 2015 (18:43 h.)

Impartiu a conferencia inaugural do congreso, “Actividade física e saúde, Galicia Saudable”, organizado pola Universidade da Coruña

 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, impartiu este xoves na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña a conferencia inaugural do V Congreso Mundial do Deporte Escolar, Educación Física e Psicomotricidade, organizado pola universidade galega.

Baixo a rúbrica “Actividade física e saúde, Galicia Saudable”, o responsable de Deportes da Xunta trasladou aos asistentes á experiencia do Goberno galego na promoción da actividade física e deportiva como ferramenta de saúde e calidade de vida da poboación, recollida no programa Galicia Saudable, en pleno desenvolvemento desde a súa aprobación en decembro de 2011 polo Parlamento de Galicia. Lete Lasa fixo fincapé no carácter transversal e multidisciplinar do programa, que procura un “auténtico cambio de hábitos de vida, como é a que nos enfrentamos ao falar da incorporación da actividade física e do deporte á rutina do noso día a día”.

No concreto ámbito educativo, o secretario xeral para o Deporte relatou as específicas accións e programas de Galicia Saudable, todas elas destinadas directamente ao incremento efectivo da carga de actividade física dentro e fóra do horario lectivo escolar, á elaboración de traballos por proxectos de innovación educativa e, finalmente, á valoración da condición física do alumnado. Finalmente, Lete Lasa destacou tamén o fundamental papel que o deporte ten na educación, poñendo de manifesto o ineludible da súa presenza para acadar unha formación integral do individuo.

O congreso que é un dos máis destacados eventos formativos de España no ámbito do deporte escolar, e congregará máis de 200 participantes procedentes de España, Rumanía, Cuba, Brasil ou Portugal.

Hemeroteca