21:57 h. Martes, 10 de diciembre de 2019

Pontevedra converterase o 5 de abril na “Capital da Xestión Deportiva” co V Congreso Galego e a Reunión da Federación Nacional de Xestores Deportivos

Organizado pola Asociación Galega de Xestores Deportivos e co patrocinio da Deputación de Pontevedra, contará con máis dun cento de participantes

Stadio Sport  |  02 de abril de 2014 (00:00 h.)
Más acciones:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Pontevedra converterase o 5 de abril na “capital de España da Xestión Deportiva”, xa que será sede do V Congreso Galego desta especialidade e da reunión da Xunta Directiva da Federación de Asociacións de Xestores do Deporte de España (FAGDE). Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa as deputadas Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez e o presidente da Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE), Eduardo Blanco.

Tanto as deputadas como o propio Blanco destacaron o peso que o deporte ten na provincia e o papel preponderante que está a desenvolver a Deputación, tanto no apoio aos clubs e deportistas, como no fomento do deporte de base e, desde o pasado ano, tamén na formación dos directivos e dos que teñen responsabilidades na xestión do deporte.

Neste sentido, a deputada responsable de deportes, Begoña Estévez, subliñou que o Congreso Galego de Xestión Deportiva que se vai celebrar por primeira vez na provincia de Pontevedra e que conta co apoio da Administración provincial é un paso máis na aposta que esta institución está a facer pola formación en materia de deporte.

Destacou así que, tras o éxito das seis edicións dos cursos de xestión deportiva que se levaron a cabo en 2013, a Deputación porá en marcha unha nova fase a partir de setembro, con novos contidos para completar a formación que xa se lle deu o pasado ano aos xestores de clubs.

 

Recoñecemento

Pola súa banda, o presidente da Asociación Galega de Xestores Deportivos subliñou os méritos da Deputación no que se refire ao apoio á actividade deportiva e lembrou que a propia asociación propuxo a esta institución o pasado ano aos premios Galicia á Xestión Deportiva.

Un premio que lle foi concedido tendo en conta “que esta institución destaca na oferta deportiva, e nunha oferta deportiva pensada, ademais, desde a universalización”. Por iso, consideraron necesario traer tamén a esta provincia o Congreso Galego de Xestión Deportiva, no que, segundo subliñou Blanco, se darán cita uns 100 participantes procedentes tanto de Galicia como doutras partes de España.

O Congreso desenvolverase no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte de Pontevedra en el abordaranse aspectos como os contidos da futura Lei Galega de Espectáculos Públicos; os efectos da reforma da administración local sobre a xestión municipal no ámbito do deporte; ou a aplicación de normas de calidade nos proxectos deportivos. Así mesmo, presentarase unha comunicación sobre a creación de empresas de adestramento persoal e outra sobre a nova normativa de criterios técnico-sanitarios das piscinas.

Ademais, trala clausura do congreso terá lugar a reunión da Xunta Directiva da FAGDE, que reúne a numerosos xestores públicos e privados de toda España, encabezados polo seu presidente, Luis Solar, que na actualidade é director do servizo municipal de deportes de Bilbao.