18:03 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Pontevedra acollerá, os vindeiros 5 e 6 de marzo, o IV Congreso Galego-Portugués de Psicoloxía do Deporte

Neste terá lugar o I Encontro da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte

Stadio Sport  |  25 de Febrero de 2015 (23:22 h.)
Más acciones:

 

O IV Congreso Galego-Portugués de Psicoloxía do Deporte reunirá, os vindeiros 5 e 6 de marzo, na Escola de Forestais do campus de Pontevedra, máis de 150 reputados profesionais galegos, portugueses e iberoamericanos desta especialidade deportiva para analizar a situación actual e o camiño futuro da psicoloxía aplicada ó deporte.

A deputada Begoña Estévez e o profesor e presidente da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, Joaquín Dosil, presentaron este mércores en rolda de prensa o congreso, no que a Deputación de Pontevedra lles concede unha bolsa a 73 alumnos da Facultade de Ciencias do Deporte, que presentarán 15 dos 50 relatorios que se desenvolverán nesta xuntanza profesional.

O congreso abordará temáticas coma a iniciación deportiva, o fair play, o desenvolvemento dos nenos e os papeis dos pais e adestradores; o rendemento individual e colectivo; e o papel dos psicólogos deportivos na actividade física e na saúde.

O Congreso de Psicoloxía Deportiva volve, nesta cuarta edición, a Pontevedra, logo de realizarse o pasado ano en Maia (Portugal). Congregará especialistas galegos, portugueses e iberoamericanos e acollerá o primeiro encontro da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, coa presenza da súa directiva.

Os relatores son reputados especialistas de España e Portugal, entre os que destacan os portugueses José Alves (que recibirá unha homenaxe pola súa traxectoria), Duarte Araujo, Carla Chicau, Paulo Sena e Carlos Silva; os españois Joaquín Dosil, Constantino Arce, Isabel Díaz, Joaquín Díaz, Enrique Garcés, Álex García Mas, Sara Márquez e Anna Viñolas; o colombiano Luis Humberto Serrato; e o mexicano Tomás Trujillo. Ademais, participarán 20 invitados profesionais e investigadores desta ciencia.

Begoña Estévez, que anunciou unha inmediata campaña da Deputación en prol do xogo limpo e a igualdade no deporte, afirmou que a súa participación neste congreso deriva da importancia que a Deputación concede á formación e xestión deportiva, con cursos que se organizaron para directivos e clubs na Escola de Canteiros, que agora se quere completar neste ámbito profesional.