00:00 h. viernes, 19 de abril de 2024

Lete Lasa defende o papel do deporte e da actividade física na educación

Stadio Sport  |  05 de noviembre de 2014 (19:00 h.)
letelasa_deporte_007

O secretario xeral para o Deporte imparte a conferencia de apertura do IV Congreso Mundial do Deporte en Idade Escolar. O Congreso está organizado polo Departamento de Didácticas Específicas da Universidade de A Coruña e Sportis Formación Deportiva, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación. Congrega máis de 400 profesionais de Ciencias do Deporte

 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, impartiu onte a conferencia inaugural do IV Congreso Mundial do Deporte en Idade Escolar, baixo a rúbrica A promoción da actividade física e deportiva entre os escolares galegos, o Plan Galicia Saudable, que se está a celebrar na cidade da Coruña.

No curso do relatorio, José Ramón Lete defendeu a función pública no fomento da práctica de actividade física e deportiva, “firmemente asentada –asegurou- nas funcionalidades do feito deportivo: o deporte é ferramenta de sociabilización do individuo, un factor de equilibrio persoal posto ao servizo do propio desenvolvemento, da satisfacción e da mellora persoal, da educación en valores e da prevención de riscos para a saúde. Todo iso, sen esquecer, a súa achega definitiva á riqueza dos pobos”.

Pola súa parte, e xa no concreto ámbito da educación e do deporte, o secretario xeral para o Deporte repasou as actuacións do Goberno galego na promoción da actividade física e deportiva entre os escolares galegos, principalmente ligadas ao Plan Galego para o Fomento da Actividade Física,  Galicia Saudable, que ten por obxectivo fomentar práctica da actividade física saudable en igualdade de oportunidades para toda a poboación, contribuíndo así a conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, e previr e reducir a presenza de enfermidades crónicas non transmisibles relacionadas coa inactividade física.

Como se apuntou no curso da conferencia, o Plan contempla 21 medidas, das que 14 van directamente referenciadas ao ámbito escolar. Entre outros puntos, o secretario xeral, expuxo os programas concretos de actuación (o Proxecto Deportivo de Centro, Máis e Mellor Actividade Física e o programa Xogade), así como a plataforma DAFIS, ferramenta de valoración da condición física dos escolares en parámetros de saúde.

 

 

Lete Lasa rematou recordado os datos relevados pola enquisa elaborada pola Universidade de Compostela -Hábitos de actividade física e deportiva da poboación galega. Estudo de Poboación Galega 2013- recentemente presentada, e que revela que 7 de cada 10 dos galegos maiores de 18 anos practica exercicio habitualmente, nunha porcentaxe case 16 puntos superior á do 2007, ano no que se fixera un estudo de equivalentes características. “É evidente que, estes resultados, se ben positivos e esperanzadores, non supoñen un punto final aos xenéricos obxectivos de Galicia Saudable, pero si marcan unha senda para continuar na nosa política de xeneralización de actividade física e deporte, con especial referencia á idade escolar”, remarcou o secretario xeral.

 

IV Congreso Mundial do Deporte en Idade Escolar

O IV Congreso Mundial do Deporte en Idade Escolar inaugurouse hoxe na cidade da Coruña, e celebrará as súas xornadas ata o vindeiro venres 7.

Organizado polo Departamento de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña e Sportis Formación Deportiva, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación, congregará máis de 400 profesionais das Ciencias do Deporte, e ten por obxectivo producir avances na investigación do deporte escolar, a Educación Física e a psicomotricidade, promover o intercambio de coñecemento entre profesionais de distintas áreas e diferentes universidades do mundo, e dar a coñecer os últimos traballos de investigación e experiencias didácticas da área do deporte escolar. 

Hemeroteca