00:02 h. jueves, 28 de marzo de 2024

A Deputación colabora co IV Congreso Mundial do Deporte en Idade Escolar que se celebrará do 5 ao 7 de novembro na Coruña

Stadio Sport  |  17 de octubre de 2014 (03:00 h.)
Sportis

Diego Calvo formalizou onte a firma do acordo co director xeral da Asociación Cultural Sportis Formación deportiva, Víctor Arufe Giráldez. Dentro do seu obxectivo de fomentar o deporte, en especial entre máis novos, a entidade provincial fai unha achega de 10.000 euros

 

O presidente da Deputación, Diego Calvo, asinou na mañá de onte un convenio de colaboración co director xeral da Asociación Cultural Sportis Formación Deportiva, Víctor Arufe Giráldez, para financiar a organización do IV Congreso Mundial de Deporte en Idade Escolar: Seminario Nacional de Escolas Deportivas, Educación Física e Psicomotricidade.

Este evento, que se celebrará do 5 ao 7 de novembro na facultade de ciencias da Educación da Universidade da Coruña, pretende investigar e compartir novas técnicas sobre a ciencia do deporte, en especial, no ámbito da educación. Así, están invitados adestradores, técnicos e outro persoal relacionado cos clubs deportivos, así como profesores de educación física e outros profesionais deste mundo.

A achega provincial é de 10.000 euros, o que supón o 80% do orzamento total necesario (12.500 euros) para facer fronte aos gastos de organización como viaxes,  aloxamento e publicación de trípticos, entre outros. O portavoz de Sportis, Víctor Arufe, agradeceu a contribución da Deputación sen a cal non se podería celebrar este seminario de carácter internacional.

Diego Calvo, pola súa banda, destacou que esta colaboración segue a filosofía da Deputación de apoio ao deporte base e, en xeral, á práctica do mesmo.

 

 

Conferenciantes internacionais

Está previsto que este congreso, con carácter mundial, reúna a máis de 400 profesionais e entre os conferenciantes estará a rusa Elena Komova, o brasileño Alex Branco e Rui Matos de Portugal. Ademais, durante as xornadas presentaranse ao público uns 50 traballos de investigación. Esta parte máis teórica, combinarase con talleres de diversas temáticas.

A entidade que organiza este congreso está dedicada á formación deportiva a través dos seus obradoiros, seminarios e organización puntual de congresos. Anualmente a través dos seus cursos  forma a máis de 500 profesionais do deporte que traballan a diario.

Os interesados en participar neste IV Congreso Mundial do Deporte en Idade Escolar, pode inscribirse ata o 31 de outubro a través da web www.sportis.es.

Hemeroteca