16:49 h. Martes, 20 de agosto de 2019

Campus Pontevedra: O X Congreso Internacional de Ciencias do Deporte agarda reunir a preto de 400 asistentes. O evento celebrarase entre o 8 e o 10 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra

Nestas xornadas presentaranse preto de 200 traballos de investigación

Duvi | Pontevedra  |  23 de abril de 2014 (00:00 h.)
Más acciones:

 

A súa continuidade ao longo dunha década e a súa amplitude temática fan posible que o Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e Educación Física se teña convertido nun dos máis importantes de España neste ámbito, como recoñece o director xeral do seu comité organizador, Víctor Arufe, que este martes presentou estas xornadas xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Organizado polo Concello, a Vicerreitoría do campus, a asociación Sportis Formación Deportiva e o Departamento de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña, está previsto que este congreso reúna entre o 8 e 10 de maio no Pazo da Cultura a preto de 400 persoas.
De feito, actualmente son máis de 300 os estudantes de diferentes universidades españolas matriculados nun congreso que contará coa participación de expertos chegados de países como Brasil, Perú, Colombia ou Arxentina. Así mesmo, como explicou Arufe, profesor da Universidade da Coruña, este congreso servirá tamén como marco para a presentación de preto de 200 traballos de investigacións a través de comunicacións e pósters.

 

Unha aposta pola formación continua

Once conferencias plenarias e doce cursos de especialización conforman o programa deste congreso, no que se abordarán diferentes cuestións relacionadas coa nutrición, a psicoloxía deportiva, a educación física ou a xestión de evento deportivos, coa idea de tentar aglutinar “todas as áreas das Ciencias do Deporte nun congreso multidisciplinar”, como salienta Arufe. Neste senso, o responsable do comité organizador incide en que un dos principais obxectivos destas xornadas é “tratar de fomentar o hábito da formación continua no alumnado, para que adquiran o hábito de acudir a congresos e actualizar os coñecementos que adquiriron na facultade e que en campos como as Ciencias do Deporte poden quedar obsoletos, xa que sempre xorden novos métodos e tendencias”.
O intercambio de impresións entre profesionais sobre eses novos métodos e tendencias e o establecemento de vínculos entre investigadores son outros dous obxectivos destas xornadas estruturadas en seis áreas temáticas: saúde e hixiene; ocio e tempo libre; didáctica da educación física e o deporte; rendemento deportivo; xestión, organización e lexislación deportiva e ciencias sociais, antropoloxía, socioloxía e psicoloxía do deporte. Así mesmo, co obxectivo de proporcionar aos asistentes unha formación de carácter práctico sobre áreas moi concretas, os diferentes debates e conferencias do congreso terán como complemento doce cursos de especialización, que se desenvolverán na tarde do xoves 8 e na mañá do venres 9. En cada unha destas xornadas levaranse a cabo de xeito simultáneo seis destas actividades formativas, nas que se tratarán temáticas como dinámicas de grupo en deportes de equipo, primeiros auxilios, adestramento persoal ou estratexias para a prevención de lesións.