00:01 h. martes, 19 de marzo de 2024

Xosé Manuel Sande destaca a “actualidade que adquire” a obra teatral ‘Cartas a un Amigo Alemán’, que se estrea o venres no Ágora

Stadio Sport  |  18 de noviembre de 2015 (19:31 h.)

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento presentou a adaptación das misivas de Albert Camus escritas tras a liberación de París, nun acto no que estivo acompañado de Lino Braxe, director da peza, da compañía Teatro Proscrito

 

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este mércores no Pazo de María a obra de teatro ‘Cartas a un Amigo Alemán’, unha adaptación da obra de Albert Camus levada a cabo pola compañía Teatro Proscrito que se estreará este venres 20 de novembro, ás 20.30 horas, no centro municipal Ágora, coa colaboración do Concello da Coruña. O edil destacou que a obra de Camus (catro cartas que escribe entre xullo do ‘43 e xullo do ‘44 tras a liberación de París) e, polo tanto, a obra adaptada e dirixida por Lino Braxe, “vese atrapada no tempo presente”. “Coma sempre ocorre cos grandes ensaístas, escritores, poetas ou pensadores que viven situacións conflitivas, a súa obra sempre queda, como un remanente que impregna a xeracións enteiras, polo que sobrevive”. “Precisamente por iso, esta obra en concreto adquire hoxe outra visión, tras o acontecido en París”, comentou.

O director da obra, Lino Braxe, que tamén se encarga da adaptación da mesma e figura como actor, dou as grazas “tanto ao Concello da Coruña, pola súa colaboración, como a todas as persoas que a fixeron posible”. “O Concello é o que merca a obra. Dende certos lugares deberían levarse a cabo apoios similares co teatro, á fin de crear unha sorte de movementos de resistencia fronte á crise”, comentou o escritor. Braxe tamén destacou que, a pesar de que a peza leva meses preparándose, os acontecementos que se viven hoxe en Francia aportan unha nova visión á obra, “xusto cando se cumpren 70 anos da fin da Segunda Guerra Mundial”. 

Sabela Hermida, produtora e actriz de ‘Cartas a un Amigo Alemán’ tamén quixo destacar, durante a presentación da estrea, a colaboración prestada polo Concello, e recordou unha das funcións social e didáctica do teatro, “de construción masiva”. Por último, Manuela Varela, que segundo Braxe leva “todo o peso da obra”, convidou a todos os veciños e veciñas da cidade a achegarse ata o Ágora este venres a gozar desta obra. A actriz quixo recordar as palabras de Camus: “Con todo, calquera guerra é un fracaso para a humanidade”.

Hemeroteca