10:28 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Este venres poderase ver no Teatro Municipal de Tui a comedia teatral Perplexo

Stadio Sport  |  04 de noviembre de 2015 (20:31 h.)

Un espectáculo que xoga co teatro dentro do teatro, facendo del unha metáfora do noso mundo cambiante

Este venres 6 de novembro, ás 21.30h, o Teatro Municipal de Tui acolle a obra, Perplexo, da compañía Il Maquinario de Ourense. Esta obra, en clave de humor, está protagonizada por Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu e Laura Míguez, e está dirixida por Tito Asorey.

Perplexo fala dun xeito extremadamente cómico de temas esenciais para o ser humano, nun xogo teatral onde se dan cita referentes como Pirandello, Woody Allen, e ata os Monty Python. Un espectáculo que xoga co teatro dentro do teatro, facendo del unha metáfora do noso mundo cambiante.

Laura e Fernando volven a casa despois das vacacións, mais ao pouco de entrar perciben nela pequenos pero estraños cambios: unha nova planta aparece na cociña, o seu gato non está por ningures e a luz está cortada por falta de pago, aínda que uns amigos da parella, Fran e Mela, quedaron ó coidado das cousas na súa ausencia. Cando esta nova parella aparece en escena a situación dá un xiro, pois semella que eles son os verdadeiros e lexítimos propietarios da vivenda.

As entradas custan 6€ e 4,5€ e pódense mercar no despacho de billetes o día da función ou dende comezos de semana na páxina web www.culturatui.info. Unha vez iniciada a función non se permitirá o acceso ó Teatro.

A Axenda Corredoira pode consultarse ó completo premendo neste enlace http://es.calameo.com/books/002234736e2bcdb30d9f4

Hemeroteca