00:10 h. jueves, 18 de abril de 2024

Fina Casalderrey, Helena Villar Janeiro e a paixón por contar historias

Rosa Tedín | Ourense  |  26 de octubre de 2015 (20:50 h.)
gal1

Son mestras, escritoras, mulleres e referentes da literatura infantil e xuvenil galega. Fina Casalderrey e Helena Villar Janeiro atesouran unha produción literaria e unha traxectoria profesional e vital que as lexitima para dar unha visión nítida do pasado, do presente e das claves de futuro das letras para os máis cativos e cativas feita en galego. Por este motivo, foron as convidadas este luns a falar nunha nova sesión, a segunda, do Ciclo de literatura infantil e xuvenil. A pegada das mulleres desde a tradición oral á actualidade, que organiza a docente da Facultade de Ciencias da Educación Isabel Mociño

 

Transmitir o entusiasmo

“Unha vez que acabou a ditadura, que se empezou a introducir o galego nas aulas e que descubrimos que non todo era escuridade na literatura galega, que tamén había unha época de esplendor, sentimos que estabamos a descubrir a pólvora, tiñamos un entusiasmo que oxalá llo saiba transmitir esta tarde ao alumnado e futuros docentes que asistan á conferencia”. Así explica Fina Casalderrey as orixes do seu compromiso coa literatura galega. Ela, apunta, “non foi única” senón que formou parte dunha xeración que viviu todo ese proceso como mestres e mestras. “Como non había textos en galegos ou os descoñeciamos, fomos moitos os que empezamos entón a escribir as nosas propias historias, rompendo coas historias que nós tiñamos lido”, lembra. Comezar a escribir, engade, tamén lles deu a oportunidade de contribuír a rescatar a identidade propia e de contarlles aos máis cativos e cativas “que tiñamos unha identidade de noso”. 
A pesar de vivir ese proceso como mestra, sinala, “nel aprendín máis do que ensinei” e nunca faltaron horas extras para dedicarlle. “Eramos unha xeración que nos atreviamos con todo, co que fose, co teatro, co cine, cos festivais... Vivimos unha época moi bonita e moi interesante de descubrimento da cultura galega”, subliña a escritora. Froito desa experiencia, comenta, aprendeu que o importante tanto na vida como na docencia é o entusiasmo, preguntarse o primeiro día na aula “que fago para que me queiran estes nenos e nenas”. 
 

Non matar ao poeta que leva dentro todo neno ou nena

Pola súa banda, Helena Villar Janeiro, desde a experiencia de mestra e de creadora, participa esta tarde no Ciclo de literatura infantil e xuvenil co obxectivo de darlle aos futuros docentes que asistan á conferencia algunhas das claves para ensinar literatura aos máis cativos e cativas. Segundo explica isto é relevante porque “se se lles dá unha boa base de pequenos de maiores van amar a literatura”. Os nenos e nenas, sinala, “son poetas”, debendo ser un obxectivo dos mestres e mestras facer que conserven ese poeta que levan dentro e que, advirte, a sociedade e o sistema educativo actual matan. Contra esta situación, a escritora compartirá cos asistentes a esta sesión do ciclo un decálogo de consellos para que os docentes saiban ensinar poesía, un documento elaborado para o seu libro As señoras cousas. Nese decálogo “non matarás ao poeta que cada criatura leva dentro” é precisamente o primeiro principio desenvolvido. 
Recalcando a pedagoxía dos sentimentos, tanto estéticos como emocionais que ten a poesía, Villar Janeiro recalca a importancia de que o público infantil e xuvenil atope na poesía tamén unha forma de expresión, que se empece moi pronto ensinándolle a estes raparigos e raparigas o ritmo, o significado das palabras, etc. Tamén, apunta, é moi importante “dar o salto da poesía rítmica, da clásica, á poesía actual, que non cultiva eses ritmos”. O que provoca que non se produza ese salto nas escolas é que, advirte, os nenos e nenas non buscan o sentimento senón as palabras que teñen as letras axeitadas para rimar entre elas. Por último, sobre a perspectiva de xénero na literatura, a escritora recalca que a súa condición de muller e de nai foi decisiva á hora de comezar a escribir poesía para o público infantil e xuvenil. Deste xeito, subliña, comezou a escribir para a súa filla, xa que no momento de nacer non se coñecían anainas máis alá das populares en idioma galego. Primeiro para ela e logo para os demais nenos e nenas comezou a crear pezas que a teñen convertido hoxe nun referente. 

 

Máis conferencias no calendario

Tralas conferencias deste luns, o ciclo continuará o día 3 de novembro cunha sesión sobre Oralidade e dramaturxia infantil. Das nais ás mestras, na que intervirá Paula Carballeira, contacontos, actriz e escritora. Para rematar as sesións, o día 9 de novembro achegarase ao campus de Ourense Antonio García Teijeiro, mestre e poeta, que falará ás persoas asistentes sobre a poesía infantil. Todas as sesión son abertas ao público xeral e celebraranse ás 17.00 h na Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro.

 

 

Hemeroteca