11:59 h. Domingo, 18 de Noviembre de 2018

Stadio Sport

A exposición ‘Senso Sublime' recibe máis de 8.000 visitas

Xosé Leal destaca a aposta pola calidade artística da programación do Museo provincial de Pontevedra

Stadio Sport  |  17 de Noviembre de 2015 (13:26 h.)
Más acciones:

 

O Museo de Pontevedra acaba de clausurar a exposición ‘Senso Sublime', do artista pontevedrés Sergio Portela, tras recibir máis de 8.000 visitantes. "O éxito de público desta mostra dá conta da importancia de ofrecer unha programación de calidade, na que priman os criterios artísticos e profesionais dos responsables técnicos do Museo", afirmou o deputado de Cultura, Xosé Leal, tras coñecerse o balance total de visitas.

A exposición, inaugurada o 23 de setembro e clausurada o pasado domingo 15 de novembro, recibiu un total de 8.028 visitantes, dos que 97 participaron ademais nas visitas guiadas realizadas os xoves e os sábados pola tarde. A este número de visitas hai que sumarlles as 43 persoas que participaron na visita guiada á obra de Sergio Portela en Pazo Baión e en diferentes puntos da cidade de Pontevedra, e o grupo de preto de 20 persoas da ONCE que realizaron unha visita ad hoc para poder "ver" a mostra a través do tacto. En ambas as ocasións contouse coa participación do propio autor da exposición, Sergio Portela, para explicarlles a súa obra ás persoas interesadas e, no caso das persoas con discapacidade visual, permitirlles tocar as pezas para que as puidesen percibir e comprender a través do tacto.

‘Senso Sublime' reuniu máis de 70 obras de diferentes épocas da traxectoria artística de Sergio Portela nas tres salas dedicadas ás exposicións temporais, con preto de 30 esculturas, 20 cadros e máis de 20 fotografías. Na mostra tivo un importante peso o proceso artístico ao redor da creación escultórica, cunha sala dedicada case en exclusiva a este aspecto. Nas outras dúas salas o percorrido centrouse na traxectoria pictórica e fotográfica do autor, aínda que a escultura mantivo unha importante presenza. A mostra foi comisariada por Antón Sobral e Patricia Trigo.

 

Actividades complementarias

Ademais da mostra en si, desde o Museo programáronse unha serie de actividades paralelas para facer máis accesibles os contidos a todo tipo de público. En palabras de Xosé Leal, "intentamos fomentar a dimensión social do Museo e crear espazos de interacción co público, promovendo o coñecemento e a reflexión sobre as diferentes manifestacións artísticas que se reuniron nesta exposición".

Entre as actividades complementarias o departamento didáctico do Museo provincial puxo en marcha tres obradoiros para nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos, cuxas prazas se completaron nas tres sesións. Os obradoiros levaban por título "A pátina do tempo" e permitiron que os 34 rapaces e rapazas que participaron en total puidesen coñecer os diferentes metais empregados na escultura, traballando con distintas técnicas pictóricas que imitan o efecto dos metais, para familiarizarse coa obra escultórica do artista, ao tempo que participaron nunha visita á exposición para coñecer máis polo miúdo a súa obra e traxectoria.

Aos obradoiros infantís sumáronselles as visitas guiadas para público xeral realizadas semanalmente, nas tardes dos xoves e os sábados, que contabilizaron un total de 97 persoas participantes. Fóra do Museo a propia institución programou un percorrido por Pazo Baión e distintos puntos da cidade de Pontevedra para o público interesado en afondar na obra e traxectoria de Sergio Portela. Esta visita, dirixida polo propio autor e os comisarios da mostra, realizouse o 17 de outubro e nela participaron 43 persoas.