00:01 h. jueves, 25 de abril de 2024

Visita do CB Breogán ao Museo Provincial de Lugo

Stadio Sport  |  01 de abril de 2015 (20:37 h.)
IMG_8332

Os xogadores e o cadro técnico do conxunto lucense gozou dunha visita guiada na que puido coñecer os tesouros que acolle a galería luguesa. “É un orgullo para nós que hoxe esteades aquí e tamén o é como levades o nome de Lugo e toda a súa provincia polo Estado”, sinalou Antonio Veiga

 

Os xogadores e o equipo técnico do Club Baloncesto Breogán visitaron este mércores o Museo Provincial de Lugo. Acompañados polo vicepresidente e responsable de Deportes da Deputación, así como presidente da entidade, o nacionalista Antonio Veiga; polo delegado de Cultura e Turismo da institución provincial, Mario Outeiro; e pola xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, gozaron dunha visita guiada na que puideron coñecer as moitas xoias e segredos que garda a galería lucense entre os seus muros, entre eles a colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil. Moitos quedaron abraiados co carneiro alado e co Torques de Burela.

 

 

Antonio Veiga, Mario Outeiro e Encarna Lago foron os encargados de recibilos e de darlle as grazas por achegarse ata o Museo. “É un orgullo para nós que hoxe esteades aquí e tamén o é como levades o nome de Lugo por todo o Estado. É un pracer recibir a un club insignia de Lugo e que representa á cidade, á Ribeira Sacra e á toda provincia”, lles comentou Veiga.

 

 

Pola súa banda, o responsable provincial de Cultura e Turismo animounos a aproveitar a visita ao Museo, “sen dúbida un dos máis importantes de Galiza e do Noroeste peninsular”, afirmou Mario Outeiro. Así mesmo, agradeceu as visitas que levan realizado durante esta tempada a distintos emprazamentos da cidade amurallada e do resto de bisbarras da provincia, “xa que é un xeito moi importante de darlle aínda máis relevancia á promoción turística da nosa provincia e de proxectar a imaxe de Lugo a nivel incluso internacional, xa que hai varios xogadores estranxeiros”, asegurou Outeiro.

 

 

Antonio Veiga, que na actualidade é o presidente da entidade breoganista, fixo unha comparación entre o Breogán e o Museo de Lugo e a Rede Museística Provincial. “Ambos son referentes,  uns no deporte e outros na cultura do noso país, e concretamente da nosa provincia. Polo tanto, engadirlle a un club deportivo esa outra vertente, a función social e cultural que ten que facer, é motivo de ledicia. Creo que a visita foi importantísima para os membros do equipo e é unha forma de dar a coñecer todas esas riquezas culturais que temos na provincia de Lugo a través do noso club representativo no mundo do baloncesto e do deporte en xeral”, valorou.

Veiga aproveitou a visita para explicarlle a Álex Llorca como é un ollomao e entregarlle a cada un dos xogadores e membros do corpo técnico unha destas cunchas, xa que a tradición di que son sinónimo de boa sorte.

 

 

Paralelismo coa colección de Álvaro Gil

Finalmente, o vicepresidente provincial fixo un símil entre a situación do Breogán e a da colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil. “Agardamos que, ao igual que coa colección de Álvaro Gil, este sexa o ano da volta definitiva do Breogán á ACB, a máxima categoría do baloncesto español, un obxectivo polo que estou seguro de que loitarán con todas as súas forzas nestas últimas tres xornadas de Liga”, concluíu Veiga.

Esta visita e as que realizaron previamente á escola de idiomas de Lugo, á zona vella, á praia das Catedrais ou á Ribeira Sacra, entre outros puntos da cidade amurallada e da provincia, é o xeito no que o Breogán devolve toda a colaboración e axuda que recibe da provincia de Lugo a través da Deputación.

Hemeroteca