11:45 h. Martes, 23 de Abril de 2019

Ribadeo e Lugo acollerán este fin de semana a II Copa Deputación de baloncesto base

Participarán un total de 45 equipos, estando representados as categorías inferiores de 22 clubs, asociacións ou escolas deportivas de toda a provincia. 25 conxuntos competirán o sábado en Ribadeo nas categorías premini e minibasket, mentres que 20 de infantil e cadete farano o domingo en Lugo

 
Stadio Sport  |  24 de Marzo de 2015 (14:36 h.)
Más acciones:

O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou esta tarde no novo pavillón polideportivo de Ribadeo, xunto ao concelleiro de Deportes da localidade, o tamén nacionalista Vicente Castro, e a representantes e xogadores do club anfitrión, o Hotel Bouza Ría de Ribadeo, a segunda edición da Copa de Baloncesto de Base, que se disputará a próxima fin de semana na vila ribadense e na capital da provincia.

 

O sábado 28 de marzo será a quenda para as categorías de premini e minibasket en Ribadeo, onde se darán cita 25 equipos, mentres que o domingo, día 29, no Pazo Provincial dos Deportes e no seu Anexo reuniranse 20 equipos, que loitarán polo título nas categorías de infantil e cadete.

 

Polo tanto, un total de 45 equipos, pertencentes ás categorías inferiores de 22 clubs de toda a provincia, participan nesta nova edición da Copa Deputación de Baloncesto de  Base, que comezou a celebrarse o ano pasado por iniciativa da área de Deporte da institución provincial. "Cremos que é un xeito estupendo de potenciar e fomentar o deporte base", sinalou Antonio Veiga.  

600 nenos e nenas de catro categorías

A  marxe do meramente deportivo, Veiga lembrou que "esta Copa se puxo en marcha coa intención de potenciar outros factores entre os máis novos, coma os valores deportivos e especialmente a convivencia entre todos os nenos e nenas e as súas familias", apuntou. Asemade, o vicepresidente provincial destacou que "nesta cita participarán preto de 600 nenos e nenas, repartidos en catro categorías  tanto masculinas coma femininas, sendo para moitos nenos e nenas a primeira experiencia nunha competición".

A Deputación cubre todos os gastos do torneo

Antonio Veiga salientou que "a práctica totalidade dos clubs de baloncesto da provincia participan nesta Copa, achegando equipos dende todos os puntos da provincia. Deste xeito, estarán representados os seguintes clubs: Burela, Viveiro, Ribadeo, Estudiantes, Maristas, Hierros Ferreiro, Galén, Martínez Otero de Foz, Franciscanos, Divina Pastora, Sarria, Sagrado Corazón e Lourenzá-Mondoñedo", remarcou.

Veiga destacou que "a Área de Deporte da Deputación corre cos gastos de manutención e transporte para todos os equipos e todos os participantes. Ademais, cada equipo, é dicir, os 45 inscritos recibirán un regalo de material deportivo e cada xogador terá un detalle de participación, así como os trofeos para os equipos finalistas", avanzou.

Pavillón funcional e adaptado ás necesidades do evento e dinamización hostaleira

 O responsable da Área de Benestar e Deporte lembrou que "Ribadeo ten un espazo para acoller este tipo de competicións grazas ao esforzo económico realizado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación neste mandato, onde investimos 2'5 millóns de euros para a construción deste novo pavillón totalmente funcional e adaptado", afirmou.

Finalmente, Antonio Veiga tamén sinalou a "dinamización económica que supón para a hostalería de Ribadeo, xa que o sábado serán moitos os pais e nais que se achegarán a ver os partidos e, polo tanto, consumirán nos bares e restaurantes da vila", rematou.