00:56 h. miércoles, 24 de abril de 2024

Fernando Romay, o padriño do Día do Pequebasket, regresará este 17 de maio a Carballo

Stadio Sport  |  12 de mayo de 2015 (18:31 h.)

Máis de 500 nenos e nenas de 48 equipos participarán na xornada

 

O padriño do Día do Pequebasket repetirá este ano. Fernando Romay, que tan boa impresión levou o ano pasado do seu paso por Carballo e que tan bo recordo deixou entre todos, grandes e pequenos, volverá a estar con nós o Día das Letras Galegas para celebrar un encontro lúdico e deportivo que xa é un referente máis alá de Galicia. A presenza de Fernando Romay, un dos grandes xogadores da historia do baloncesto español, confirma a proxección que ten a actividade organizada pola Escola Basket Xiria e supón un novo pulo para o club, que fai un gran esforzo de organización.

Arbitraxes, recepción de visitantes, reparto dos 600 bocadillos que se prepararán ese día... Dende a Escola Basket Xiria queremos agradecer o traballo desinteresado das 100 persoas, na súa maioría xogadores e nais/pais, que constitúen o voluntariado do club e que poñen todo da súa parte para que todo saia ben.

No 3º Día do Pequebasket participarán finalmente 48 equipos pertencentes a 26 clubs, o que supón que a xornada reunirá en Carballo a 502 nenos e nenas de 5 a 8 anos de idade. Ademais de facer deporte, os participantes poderán xogar nas atraccións inchables, descubrir xogos tradicionais, circular en karts adaptados ás súas idades e gozar coa actuación de Os Quinquilláns, que animará a hora da comida cun espectáculo moi participativo.

E xunto a todo iso destaca a participación de Fernando Romay, ex xogador do Real Madrid e da Selección Española de Baloncesto, cuxa presenza vén a avalar as numerosas xestións realizadas pola Escola de Basket Xiria, Federación Galega e Federación Española de Baloncesto, que contan coa colaboración do Concello de Carballo, Deputación Provincial da Coruña, La Caixa e varios patrocinadores, así coma con 25 establecementos colaboradores (hostalería loca), para a organización dunha xornada lúdica na que imperarán o espírito deportivo e a alegría. 

Hemeroteca