00:03 h. viernes, 29 de marzo de 2024

A Deputación adxudica 13.143 accións na segunda fase do proceso de saída do accionariado do Breogán

Stadio Sport  |  16 de mayo de 2015 (15:04 h.)

A institución provincial sacará a subasta nunha terceira fase as accións vendidas que decaeron por falta de documentación dos adxudicatarios

 

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da área de Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou este venres na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, que vén de aprobarse a adxudicación de 13.143 accións dentro do proceso de alleamento para a saída da Deputación do accionariado da Sociedade Anónima Deportiva Breogán Club de Baloncesto.

A Deputación de Lugo comezou a finais do 2013 o proceso de saída do accionariado co CB Breogán SAD, do que posuía en propiedade 74.797 accións, o 48,9% do club. Tal e como informou Veiga “a adxudicación de hoxe inscríbese dentro da segunda fase deste proceso de alleamento, na que saíron á venda 38.839 accións. Na primeira fase adxudicáranse 35.958 accións”. Como na anterior fase do proceso de alleamento, o prezo de venda foi de 1,16 € por acción. 

O vicepresidente provincial explicou que na vindeira semana sacarase unha terceira e definitiva fase de alleamento de accións, na que se porán á venda as 25.696 accións que decaeron tanto na primeira como na segunda fase por falta de documentación dos adxudicatarios ou por non cumpriren estes os condicionantes fixados no prego de venda. 

Segundo explicou Veiga “todas as limitacións que aparecen recollidas nese proceso introducíronse para evitar a deslocalización do club poñendo unhas condicións que priorizan aos accionistas fundadores, aos socios e aos abonados; boa proba do compromiso da área de Deporte da Deputación co Breogán Ribeira Sacra”.

Neste momento a Deputación sería propietaria tan só do 16,80% do club. “Segue firme o noso compromiso de sair do accionariado do Breogán e entregar o equipo aos afeccionados ao baloncesto e á sociedade lucense. Para iso quixemos facelo vendendo as accións en lotes pequenos para que todos os afeccionados que quixeran puideran mercar accións do club. E fixémolo cun procedemento administrativo rigoroso e por iso leva máis tempo”, afirmou Veiga. 

A pesares de que a Deputación deixe de ser o accionista maioritario do club, o vicepresidente provincial anunciou que “seguiremos desde a área de Deportes a apoiar firmemente a súa actividade deportiva, como facemos con todos os clubs da provincia”. “O Breogán goza de boa saúde en todos os ámbitos, social, económico e deportivo”, concluíu Antonio Veiga.

 

Hemeroteca