02:39 h. Martes, 11 de Diciembre de 2018

Stadio Sport

Uxío Abuín, gañador da Copa de Europa de Triatlón de Madrid

Ouro para Susana Rodríguez, na proba mundial de paratriatlon de Madrid. Antonio Serrat, con problemas estomacais, non puido rematar a Copa de Europa

Stadio Sport  |  10 de Mayo de 2015 (22:38 h.)
Más acciones:

 

O galego Uxío Abuín (Tri Arteixo) logrou hoxe a vitoria na Copa de Europa de Madrid, nunha boa xornada para as e os deportistas galegos. A viguesa Susana Rodríguez logrou o ouro na Madrid ITU World Paratriathlon. O aspecto negativo chegou da man de Antonio Serrat e Melina Alonso: Ambos con problemas estomacais non puideron competir polo triunfo. 

Na elite masculina os galegos estiveron sempre competindo nos primeiros postos. A proba decidiuse na carreira a pe, despois de que chegase á T2 un grupo moi numero de case 40 deportistas, no que se atopaban todos os galegos (Uxío Abuín, Pablo Dapena, Diego Paz, Ricardo Hernández, Antonio Serrat e o mexicano César Saracho –con licenza galega- e o venezolano Luismi Velázquez –tamén con licenza galega-). A pesar de ter gastroenterite Antonio Serrat decidiu saír a competir e estivo entre os primeiros ata que chegou o terceiro sector. Cando comezou a carreira a pe, deuse conta de que non tiña forzas, polo que se retirou. Así, estes dez quilómetros todo tiña que decidirse e nos metros finais Uxío Abuín (01:55:40) logrou impoñerse ao seu compañeiro César Saracho, do Tri Arteixo (01:55:43). Ademais, Ricardo Hernández (do Grupo de Alto Rendemento do CGTD) foi 13º cun tempo de 01:57:54 e Pablo Dapena, 14º (01:57:59). Todos eles lograron puntos para o ránking mundial, ao entrar entre os vinte primeiros da clasificación. Ademais, Diego Paz foi 23º e Luismi Velázquez, 26º.

En elite feminina, Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) non puido saír a competir por culpa dunha gastroenterite. Así, a representación do tríatlon galego quedou reducido a Joselyn Brea (venezolana con ficha galega, que está a adestrar en Pontevedra), quen fixo un gran traballo. Perdeu moito tempo na natación, pero logrou remontar moitas posicións na carreira a pe, ata chegar a meta no 19º posto (2:17:10), de forma que logrou sumar puntos para o ránking mundial, por vez primeira na súa carreira deportiva. 

 

IMG-20150510-WA0004

 

Triunfo de Susana. Era a proba máis importante da presente tempada para Susana, xa que se enfrontaba a rivais duras e ademais volvía a competir con Mayalen Noriega. E todo saíu da mellor forma posible. O dúo saíu da auga na primeira posición e con certa distancia sobre a segunda, tanta que a pesar de que perderon case medio minuto na transición seguían ocupando a primeira posición. Na bicicleta, a galega fixo un sector espectacular no que se decidiu todo, xa que abriu unha brecha imposible de recuperar para as súas rivais, así que na carreira a pe estivo moi cómoda, controlando as distancias e aínda así, logrou o segundo mellor parcial. Susana xunto a Mayalen foron as primeiras en meta cun tempo de 01:23:12, o segundo posto foi para  Joleen Chopper (01:23:32) e terceira foi Melissa Reid (01:24:46).