00:02 h. viernes, 19 de abril de 2024

O sábado 25 celebraranse dúas probas de duatlón escolar e o Popular de Tomiño

Stadio Sport  |  23 de abril de 2015 (22:08 h.)

En Lugo terá lugar o provincial con case cen inscritos, mentres que en Tomiño (proba zonal) hai 110 deportistas

 

Este sábado 25 de abril celebraranse en Lugo e Tomiño dúas probas do programa “Xogade” de Duatlón Escolar 2015, coa participación de máis de 200 deportistas. Ademais, en Tomiño terá lugar a segunda edición do Duatlón Tomiño, con 130 deportistas. 

En Tomiño coincidirán dúas probas. A partir das 16:00 horas comezará o fase zonal do duatlón escolar con 110 deportistas inscritos. E ás 18:15 dará inicio a popular, na que contaremos con deportistas de renome coma Aída Valiño ou Gustavo Rodríguez (vencedores no 2014). Ambos veñen de facer un gran traballo no Tríatlon de Media Distancia de Elche Arenales 113, onde reapareceu e gañou Aída, despois de estar oito meses separada da competición recuperándose do atropelo que sufriu mentres adestraba no mes de xuño. 

A proba de Tomiño celebrarse sobre a distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe). 

 

Duatlón escolar

A final provincial de Lugo celebrarase o sábado 25 a partir das 16:00 horas con saída, chegada e boxes no Paseo do Rato e 92 duatletas inscritos. 

As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil, 1,5 quilómetros de carreira,  6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira. 

O programa escolar consta de sete probas locais (dúas por provincia menos en Ourense), catro provinciais e a final. Nas probas zonais clasifícanse os 25 mellores por categoría e sexo para as fases provinciais e aquí  lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.

Hemeroteca