00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

A Quiroga Trail Challenge será a primeira proba da Copa Gallega de carreiras por montaña

Stadio Sport  |  17 de marzo de 2015 (15:01 h.)
IMG_7746

Constará de dúas etapas, que se celebrarán o 28 de marzo e o 9 de maio en diferentes paraxes do Courel quirogués. Os organizadores agardan a presenza duns 150 ou 160 atletas en dúas das probas máis duras de todo o circuíto

 

 O salón de actos do Pazo de San Marcos foi escenario esta mañá da presentación do segundo Quiroga Trail Challenge, na que o responsable de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, estivo acompañado por Adolfo Puch, presidente da Federación Galega de Montañismo; Juan Luis Vázquez, representante de Tourgalia Gestión, comité organizador do evento; e o concelleiro de Deportes de Quiroga, José Enríquez.

Mario Outeiro salientou que o apoio a esta competición vai "na liña de apostar polo deporte como un xeito san de ofrecerlle alternativas de ocio ás persoas e apoiando sobre todo aos deportes minoritarios ou que non reciben tanta atención por parte dos medios de comunicación coma outros. Ademais, estas probas desenvolveranse por unhas paraxes espectaculares, que convido a todo o mundo a visitar", manifestou o responsable de Cultura e Turismo da institución provincial.

O presidente do comité organizador, Juan Luis Vázquez, explicou que "o Quiroga Trail Challenge é un circuíto de probas de trail de montaña, é dicir, carreiras pedestres por montaña, por zonas moi escondidas, con cruces de río, con saltos e percorridos moi divertidos. Consta de dúas etapas, unha que terá lugar o 28 de marzo e que se chama Castelo por pasar polo Castelo de Torrenovaes. A outra, que se celebrará o 9 de maio, leva o nome de Lor porque cruza moitas veces o río Lor e todo o circuíto transcorre pola beira deste río", explicou.

Vázquez apuntou que "ambas probas forman parte da Copa Galega de Carreiras por Montaña, que consta de 8 probas e nós temos a sorte de ter 2, que ademais son das máis difíciles do circuíto autonómico, tanto polos desniveis que teñen como polo tipo de terreo. Estamos moi orgullosos da súa dificultade, porque sempre buscamos que sexa un reto para os participantes e darlles a oportunidade de coñecer lugares de difícil acceso, así como unha zona do Courel quirogués privilexiada en canto ao entorno natural. Xa temos anotadas a máis de 80 persoas e agardamos que ao final a nómina de participantes supere os 150", afirmou o responsable de Tourgalia Gestión.

 

Un fenómeno que medra cada ano

 

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Montañismo, Adolfo Puch, sinalou que "apoiamos a este club de Quiroga na organización da primeira proba da Copa Galega de Carreiras por Montaña, que está a converterse nun fenómeno importante dentro do noso deporte, xa que estamos a duplicar o número de licenzas dedicadas a esta faceta do montañismo e, de feito, este ano pasamos de 4 probas a 9", salientou.

Así mesmo, Puch apuntou que "destas nove probas, hai oito que pertencen á Copa Galega e outra servirá para dilucidar o campionato de España e o Galego, que se vai celebrar na zona de Chandrexa de Queixa, en Ourense. Hoxe en día, a faceta das carreiras por montaña é un plus dentro do que significa a Federación Galega de Montañismo, onde estamos a observar un importante incremento de deportistas, tanto na vertente do sendeirismo, como na da escalada ou na de carreiras por montaña. Esperamos que esta proba na zona do Courel sexa un éxito", concluíu.

Puch puxo como exemplo da puxanza desta modalidade en Galiza "o segundo e o quinto posto que colleitaron os representantes da selección de galega esta pasada fin de semana na primeira proba da Copa de España, que se celebrou en Miranda de Ebro (Burgos)".

 

Dúas distancias en cada proba

 

Tanto o Trail do Castelo como o de Lor terán dúas distancias. Os atletas que participen no do Castelo, que se correrá o 28 de marzo, afrontarán 42 ou 23 quilómetros, con 2.400 e 1.200 metros de desnivel acumulado positivo, respectivamente. Mentres tanto, no caso de Lor, as distancias serán de 46 e 18 quilómetros e o desnivel de 3.000 e 1.300 metros, respectivamente. Ambas probas están catalogadas como de dificultade alta e son das máis duras das existentes no noroeste peninsular.

 

Maiores de 16 anos

 

Nestas probas poderán participar todas aqueles persoas que sexan maiores de 16 anos. Os que sexan aínda menores de idade deberán presentar a correspondente autorización da nai, pai ou titor legal, debendo acudir a recoller o seu dorsal acompañado dun adulto responsable.

 

A recollida dos dorsais en ambas probas levarase a cabo o día antes da celebración de cada unha delas, de 19 a 23 horas, e o propio día da competición, de 7:30 a 8:30 horas, nas instalacións do albergue de Quiroga, lugar que tamén acollerá a liña de saída e chegada. As dúas probas arrincarán ás nove da mañá. En cando ás categorías, a organización estableceu para os dous sexos dúas categorías: a absoluta, dos 16 aos 45 anos, e a de veteranos, aqueles e aquelas atletas maiores de 45 anos.

 

Inscricións na web de Tourgalia Gestión

 

A inscrición para o Quiroga Trail Challenge pode facerse a través da web do comité organizador,www.tourgalia.com. Non se admitirá ningunha outra vía nin poderán anotarse o mesmo día das probas, xa que o prazo de inscrición remata catro días antes de cada evento (o 24 de marzo para a etapa do Castelo e 5 de maio para a de Lor).

 

A cota de inscrición nas dúas probas do circuíto ascende a 38 euros na proba longa (Trail Challenge) e a 28 euros na curta (Minitrail Challenge). Así mesmo, haberá tarifas diferentes para aqueles que so desexen participar nunha etapa. Será de 20 euros na longa, xa sexa a de Castelo ou a de Lor, e 15 euros para a curta.

 

 

Colaboran con este evento, ademais da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e o Concello de Quiroga, as firmas comerciais Powerade, Coca-Cola, Aquabona, Dulcesol e Frutas Bonanza, así como o Club de Montaña Formigueiros. 

 
Hemeroteca