00:00 h. sábado, 20 de abril de 2024

Presentouse a XVI Carreira Popular Concello de Viveiro – Memorial Julián Bernal

Stadio Sport  |  16 de septiembre de 2014 (03:00 h.)
carreura

Máis de 450 atletas procedentes de Galiza e do resto do Estado participan nunha proba que colabora co banco de alimentos de Viveiro e na que nesta edición se homenaxeará á atleta luguesa Alessandra Aguilar. A quenda para os máis pequenos será o sábado 20 e o domingo correrase a proba absoluta

 

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou esta tarde na presentación da decimosexta edición da carreira popular Concello de Viveiro-Memorial Julián Bernal, que se desenvolverá a próxima fin de semana na cidade do Landro e que este ano tamén servirá de homenaxe á atleta lucense Alessandra Aguilar. Os organizadores esperan contar con máis de 450 atletas –máis de 200 nas categorías inferiores e uns 200 na proba absoluta- chegados desde todos os puntos de Galiza e do resto do Estado.

A proba, organizada polo Club Deportivo Egovarros e o Concello de Viveiro, en colaboración coa institución provincial, terá a súa primeira cita o sábado. Será a quenda para os máis pequenos da casa, que competirán nun circuíto instalado nas inmediacións do pavillón Municipal. Participarán un total de nove categorías, desde os biberón (de 0 a 3 anos) ata as rapazas cadetes, e as carreiras darán comezo ás cinco da tarde.

A quenda para os maiores será un día despois, coa proba absoluta, na que tomarán parte cadetes –só os masculinos-, xuvenís, séniors e veteranos. A liña de saída e chegada estará tamén situada no pavillón Municipal e os atletas deberán darlle dúas voltas a un circuíto que discorrerá polo paseo marítimo da cidade do Landro, con xiros na cruz vermella e en Sacido, e pola praia de Covas. Serán un total de 13 quilómetros. A saída darase ás 11.30 horas e ao final da proba haberá unha pinchada para os participantes e os seus acompañantes.

 

Homenaxe a Alessandra Aguilar

O Club Deportivo Egovarros de Viveiro quixo dedicarlle esta decimosexta edición á atleta luguesa Alessandra Aguilar. “Cremos que agora mesmo é a atleta máis representativa que temos en Galiza. É de Lugo e, ademais, seu pai leva moitos anos correndo con nós. Comentámoslle a posibilidade e estiveron encantados. Esperamos poder contar coa súa presenza o domingo, pero aínda non é seguro que se achegue porque está recuperándose dunha lesión”, sinalou Paco Rodríguez, presidente do club viveirense.

 

Apoio ás carreiras populares

O vicepresidente da Deputación e responsábel de Benestar e Deportes, o nacionalista Antonio Veiga, subliñou o apoio da área que dirixe “coas carreiras populares e o deporte afeccionado, xa que ademais de colaborar con esta de Viveiro tamén o facemos con outras na Mariña como a media-marathon das Catedrais, a subida a Santa Cruz ou a carreira popular Val das Fabas”, sinalou Veiga.

En canto á carreira de Viveiro, o nacionalista destacou que “está plenamente consolidada e é xa unha das máis importantes que temos Galiza, gracias ao pulo que lle deu desde os seus comezos o Club Deportivo Egovarros, unha entidade exemplar na Mariña polo seu traballo a prol do atletismo”, concluíu.

 

Premios e inscrición

A organización repartirá 450 euros en premios. Os tres mellores da proba absoluta, tanto na categoría feminina como na masculina, recibirán 100, 75 e 50 euros, respectivamente. Mentres, os tres primeiros de todas as categorías tamén serán obsequiados cun trofeo.

Aqueles que aínda non se anotaron poden facelo ata este xoves no teléfono 982 598 160 ou no enderezo electrónico egovarros@gmail.com. A inscrición é gratuíta, aínda que todos os participantes, tanto grandes coma pequenos, deberán entregar cando recollan o dorsal un alimento non perecedoiro que se lle entregará ao Banco de Alimentos de Viveiro. “Recalcáronnos que prefiren que sexan obxectos de hixiene persoal [xeles, champús, cepillos de dentes,…], xa que o que máis precisan no banco agora mesmo”, apuntou Rodríguez.

Hemeroteca