23:31 h. Jueves, 13 de Diciembre de 2018

Stadio Sport

Presentada a terceira proba da V Copa Deputación de Atletismo

Se disputará o 9 de maio no estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo. O delegado de Cultura e Turismo aproveitou este acto para entregarlle uns trofeos e uns recordos a todos aqueles atletas lucenses que a pasada temporada participaron en campionatos estatais

Stadio Sport  |  01 de Mayo de 2015 (00:18 h.)
Más acciones:

 

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou este xoves a terceira proba da V Copa Deputación de Atletismo, que se celebrará o 9 de maio en Lugo. Estivo acompañado polo delegado técnico da Federación Galega de Atletismo en Lugo, Pablo Gandoy, así como por parte dos atletas que recibiron unha bolsa da Área de Deporte do organismo provincial durante o 2015 e os técnicos de varios clubs da provincia.

Aproveitando esta presentación, Mario Outeiro e Gandoy fixeron entrega duns trofeos e recordos a todos aqueles atletas lucenses que a pasada temporada participaron nos campionatos estatais das súas respectivas categorías e modalidades. “Cremos que o mínimo é darlles este recoñecemento, porque están levando o nome da nosa provincia por todo o Estado. Estamos moi orgullosos deles”, apuntou Outeiro.

Esta terceira proba será unha das dúas ao aire libre con que conta a competición, celebrándose o sábado 9 de maio no estadio Gregorio Pérez Rivera. Ao igual que nas dúas anteriores, está aberta á participación de calquera atleta galego individual federado,atletas de clubs pertencentes a Galiza, atletas con ficha da Federación Galega de Atletismo pero pertencentes a clubs doutras partes do Estado, e atletas non galegos ou estranxeiros convidados expresamente pola FGA, agás nas categorías benxamín, alevín e infantil, nas que só poderán participar nenos e nenas de clubs lucenses.

 

Marcas clasificatorias

Do mesmo xeito, as marcas que consigan os e as atletas participantes servirán de clasificatorias para competicións de carácter galego e estatal, polo que “a organización desta Copa dá a oportunidade aos atletas e ás atletas lucenses de obter marcas oficiais que lles permitan competir a nivel galego e estatal”, lembrou Mario Outeiro.

Outeiro tamén sinalou que esta competición, que abarca todas as categorías, permite fomentar e dar visibilidade ao deporte base e protagonismo ás futuras xeracións de atletas. Destacou ademais a importancia da organización desta competición que permite “a participación de cada vez máis atletas, e sobre todo mulleres, que superan xa en número aos participantes masculinos”, dixo.

 

A importancia de contar cun módulo cuberto

O módulo cuberto de atletismo das Pedreiras, onde se van disputar dúas das catro probas da Copa Deputación de Atletismo, foi construído co financiamento íntegro da Área de Deporte da Deputación de Lugo e era unha infraestrutura moi demandada na cidade, xa que permite o adestramento de xeito continuado dos atletas todo o ano, sen depender da climatoloxía. Ademais, conta coas dimensións necesarias para competicións oficiais, polo que as marcas obtidas son valedeiras como marcas persoais. Trátase da única instalación deste tipo que existe na provincia de Lugo e unha das poucas que hai en Galiza.

O atletismo é un deporte con moita tradición na provincia de Lugo e que neste momento goza de moi boa saúde, xa que ten moitos practicantes, tanto a nivel afeccionado como a nivel competitivo. Desde a área de Deportes da Deputación queremos que siga sendo así, polo que seguiremos apoiando aos atletas e ás atletas lucenses, organizando competicións coma esta Copa Deputación e creando e mellorando instalacións que lles permitan adestrar e competir nas mellores condicións”, afirmou Mario Outeiro.