00:01 h. sábado, 20 de abril de 2024

Marcos Mayo e Ana Varela, vencedores do VII Duatlón Cross Concello de Beariz

Stadio Sport  |  17 de enero de 2015 (23:40 h.)
podio fem beariz

Con esta proba comezou a tempada e o circuito galego de duatlón cross

 

Xa temos os primeiros gañadores de duatlón cross da presente tempada. Marcos Mayo (Tríatlon O Treito) e Ana Varela (licenza dun día) proclamáronse hoxe gañadores da sétima edición do Duatlón Cross Concello de Beariz, que é ademais a primeira proba do circuíto galego.   

A proba celebrouse sobre a distancia sprint (6 quilómetros de carreira a pe, 21 en bicicleta de montaña e 2,5 quilómetros a pe) nunha tarde moi fría, situación que fixo o percorrido aínda máis duro. Pero as e os deportistas tiñan gañas de saír a competir este ano e deron a cara nunhas condicións complicadas. Na categoría feminina, Ana Varela (licenza dun día) logrou a primeira posición por diante de María Martínez (licenza dun día), quen dominou no primeiro sector e con superioridade (dous minutos de diferenza). Pero na bicicleta Varela foi moi superior e logrou non só recuperar o tempo perdido, senón meterlle case cinco minutos máis, polo que todo quedou decidido. O último segmento foi un mero trámite que había que cumprir, pero as posicións xa estaban outorgadas. Así, Ana Varela foi primeira cun tempo de 2:22:01, María Martínez segunda (2:26:32) e o terceiro posto do podio foi para a veterana Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial, 2:41:20). 

 

 

Na categoría masculina puidemos gozar cunha proba moi disputada e con alternativas en cabeza. No primeiro sector púxose en cabeza o deportista do club local Beariz Tríatlon, Elpidio Gómez, pero na bicicleta de montaña foi superado por Darío Manuel Otero (Team Corbelo) e Marcos Mayo (Tríatlon O Treito). Ambos chegaron a transición bastante igualados, aínda que o primeiro en baixar da bicicleta foi Otero con 15 segundos de vantaxe. Pero no último segmento, Marcos Mayo logrou darlle alcance e chegar a meta na primeira posición cun tempo de (1:41:48). O segundo posto foi para Darío Manuel Otero (1:42:18) e a terceira posición para Elpidio Gómez (1:42:43). 

 

 

Os gañadores noutras categorías foron:

Júnior: Óscar Justo (Peña Ciclista Rías Baixas)

Veterán 1: Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e Elpidio Gómez (Beariz Tríatlon).

Clubs: Tríatlon O Treito (categoría masculina). 

 

O Circuito Galego de Duatlón Cross está formado por tres probas: Beariz, Maside e Samieira. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto.  

Hemeroteca