12:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Máis de 300 deportistas participarán na IX Subida a Rocas de atletismo e na andaina popular

Stadio Sport  |  08 de junio de 2015 (18:16 h.)

A proba atlética será o Campionato de España e o de Galicia de carreiras de montaña. Da modalidade feminina sairá a selección nacional que representará a España no Mundial de Portugal

 

Máis de 300 atletas e deportistas daranse cita o vindeiro domingo, 14 de xuño, en Esgos para participar na IX Subida a Rocas-O Eirado e na IX Andaina Popular, que organizan a Deputación de Ourense e o Concello de Esgos. No Pazo Provincial tivo lugar este luns a presentación de ámbalas dúas probas, a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o secretario técnico da federación, Ángel Fidalgo, e o delegado da federación en Ourense, Manuel Blanco.

A novidade deste ano é que proba atlética será o campionato España e o de Galicia de carreiras de montaña, e ademais, da modalidade feminina sairá a selección nacional que representará a España no Mundial de Portugal. En total, estímase que máis de mil persoas, entre deportistas e acompañantes, visitarán Esgos esta fin de semana, “co retorno económico e a dinamización que elo supón para o municipio e a súa contorna”, explicou Mario Rodríguez.

Pola súa banda, Manuel Baltar dixo que a Deputación de Ourense “aposta sempre polo deporte”. “O obxectivo da institución provincial –engadiu o presidente- é cooperar cos concellos, e neste caso, supón apoiar a unha proba deportiva que discorrerá por unhas das paraxes máis fermosas, berce da Ribeira Sacra, que será un excelente escaparate para a promoción da contorna e da provincia de Ourense”.

Tanto o alcalde de Esgos como o presidente da Federación Galega de Atletismo agradeceron o apoio da Deputación de Ourense para a organización e desenvolvemento desta importante competición atlética, que terá tres modalidades: a proba masculina, sobre un percorrido de 13 quilómetros; a proba feminina, que percorrerá un circuíto de 8 quilómetros, e a proba por equipos.

A IX Subida Rocas-O Eirado sairá da Casa do Concello de Esgos as 11.00 horas, terá dúas metas volantes, e finalizará no punto máis alto do Concello de Esgos, ao carón do parque eólico. A andaina popular é unha actividade complementaria á carreira. Será unha proba circular que terá a saída na Casa do Concello ás 9.30 horas e completará un percorrido de 18 quilómetros, pasando por varios núcleos de Esgos e polo punto de máximo interese turístico do municipio que é o mosteiro de San Pedro de Rocas.

Hemeroteca