02:30 h. Martes, 11 de Diciembre de 2018

Stadio Sport

Inés Santiago e Gustavo Rodríguez, campións do Duatlón Concello de Lugo

Foi a terceira proba do Circuito Galego de Duatlón de Estrada

Stadio Sport  |  22 de Marzo de 2015 (20:56 h.)
Más acciones:

 

Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse vencedores do  XXV Duatlón Concello de Lugo “Memorial Alejandro López”, que tivo unha participación de case douscentos deportistas. Esta foi a terceira proba do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada 2015. 

A proba feminina foi liderada dende o comezo por Inés Santiago. Foi a mellor no primeiro segmento, logrando unha distancia de dous minutos sobre a segunda clasificada. Así, todo foi moito máis sinxelo para a júnior do Tríatlon Ferrol, que non baixou o ritmo en toda a proba. Logrou o segundo mellor tempo na bicicleta e volveu ser a máis rápida no terceiro sector. Desta forma, primeira posición para Inés Santiago cun tempo de 1:09:22, mentres que o segundo posto foi para Verónica Tovar (Cidade de Lugo) a case cinco minutos (1:14:04) e o bronce foi para Mar Villar (Trinorth-Nogasa) cun tempo de 1:14:33. 

 

 

Na categoría masculina, triunfo para Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo), que se está amosando moi forte neste inicio de tempada con dous triunfos nas dúas probas disputadas. Hoxe volveu ser o máis regular. No primeiro segmento logrou o terceiro mellor tempo e,  unha vez máis, destacou na bicicleta onde foi o máis rápido. Así, enfrontou o terceiro sector con moita comodidade e so tivo que ir regulando a distancia para entrar en meta en primeira posición (57:58) con case un minuto de vantaxe sobre o segundo, Daniel Bayón (Academia Civil), cun tempo de 58:57. A terceira posición foi para Brais Canosa, do Arcade Inforhouse(59:39), que tamén fixo unha proba bastante regular. 

 

O gañadores doutras categorías foron: 

Cadete: Salomé Calviño (A.D. Fogar) e Alejandro Pardo (A.D. Fogar).

Júnior: Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Raúl García (Arcade Inforhouse).

Sub 23: Balbina Tarrío (A.D. Fogar) e Ismael Fernández (Mar de Vigo).

Paraduatlón PT5: Susana Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) e Antonio López (Cidade de Lugo Fluvial).

Veterán 1: Ana María López (Tri Ourense) e Jorge López (Tri- Penta Terras de Lugo).

Veterán 2: Ricardo García (Tríatlon Bierzo).

Clubs: Cidade de Lugo Fluvial (feminino) e Olímpico de Vedra (masculino). 

O Duatlón Cidade de Lugo, que se celebrou sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe), desenvolveuse nos arredores do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, tendo como punto de saída e de chegada o propio recinto. O Duatlón Cidade de Lugo recibe o nome de “Memorial Alejandro López” en homenaxe ao ex directivo da Federación Galega de Tríatlon, que finou hai uns anos. 

O Circuíto Galego de Duatlón de Estrada 2015 está formado por tres  probas. A primeira é a de Noia; a segunda,  Guitiriz (7 de marzo) e a terceira é o Duatlón Concello de Lugo (22 de marzo). Todas son clasificatorias para o Campionato Galego (logran praza os 30 primeiros clasificados), que terá lugar en Santiago de Compostela o 18 de abril. Os gañadores do Duatlón de Noia foron Abraham Castellanos (Tríatlon Arteixo) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon), mentres que Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) e Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse vencedores do IX Duatlón Concello de Guitiriz.