02:37 h. Martes, 11 de Diciembre de 2018

Stadio Sport

Gómez Noya e Fernando Alarza, en busca de importantes puntos na proba de Cidade do Cabo das Series Mundiais

Alistair Brownlee debutará este ano no Mundial, mentres que non estará o seu irmán Jonathan. Na proba feminina participará María Ortega

Stadio Sport  |  23 de Abril de 2015 (20:04 h.)
Más acciones:

 

Cinco galegos (Javier Gómez Noya, Fernando Alarza, Pablo Dapena, Luismi Velázquez –deportista venezolano con licenza galega que adestra no Grupo de Alto Rendemento do CGTD- e María Ortega) participarán esta fin de semana na cuarta proba das Series Mundiais 2015, que se celebrará en Cidade do Cabo (Sudáfrica). Será unha proba fundamental para Gómez Noya, para recortar puntos a Jonathan Brownlee, que non participa, e para Alarza, que quere seguir nos postos altos da clasificación provisional do Mundial. 

A proba feminina, que se disputará o sábado 25 de abril (13:55 hora galega), contará coa participación de María Ortega. O pasado ano, María participou e sumou puntos para o ránking mundial. Foi unha durísima proba pola baixa temperatura da auga, que abrigou a retrasar o inicio da mesma así coma a reducir o tramo da natación, que pasou de 1.500 a 750 metros. 

A proba masculina terá lugar o domingo 26 (13:55 en Galicia) e cunha importantísima participación, na que destaca o debú de Alistair Brownlee na presente tempada e a ausencia do seu irmán Jonathan, que vai de líder na clasificación provisional do Mundial, tras un inicio de tempada espectacular (con dous triunfos en tres probas). Así, Javi Gómez Noya, actual campión do mundo, tentará recortar distancias e

 lograr a primeira vitoria do ano. Leva varios días adestrando en Sudáfrica preparando esta proba, na que o pasado ano logrou o primeiro posto. Pola súa banda, Fernando Alarza buscará manterse na elite mundial, nun arranque de tempada impresionante que lle permite ocupar a cuarta posición na clasificación provisional do mundial. E todo isto sen esquecer a Mario Mola, Alistair Brownlee ou Richard Murray, que competirá en casa. 

Pero dende Galicia tamén estaremos pendentes do que faga Pablo Dapena, que debutará nunha proba das Series Mundiais. O pontevedrés, que adestra no grupo de Gómez Noya, manifestou a través do seu twitter estar emocionado ao entrar la lista de inscritos no último momento. Ademais, tamén participará en Cidade do Cabo Luismi Velázquez, venezolano con licenza galega que adestra no Grupo de Alto Rendemento do CGTD, baixo as ordes de Omar González. 

A proba de Cidade do Cabo celebrarase na distancia olímpica, é dicir, 1,5 quilómetros de natación (nunhas augas moi frías), despois realizarán 40 quilómetros de bicicleta e finalizarán cunha carreira a pe de 10 quilómetros. Será a segunda vez que esta cidade sudafricana acolla unha proba das Series Mundiais. 

As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os sete mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.