21:47 h. Jueves, 13 de Diciembre de 2018

Stadio Sport

Gómez Noya e Alarza, sexto e sétimo respectivamenta na primeira proba das Series Mundiais en Abu Dhabi

Un espléndido Mario Mola logrou o triunfo na proba de apertura do Mundial

Stadio Sport  |  07 de Marzo de 2015 (22:46 h.)
Más acciones:

 

Os galegos Javier Gómez Noya e Fernando Alarza remataron na sexta e sétima posición, respectivamente, na primeira proba das Series Mundiais que se celebrou este sábado en Abu Dhabi. Ademais, hai que destacar o triunfo do español Mario Mola, que comeza mandando na clasificación provisional do Mundial de Tríatlon 2015. Na categoría feminina, as noticias non foron tan positivas para as galegas. María Ortega non puido rematar, mentres que Melina Alonso acabou na última posición (60). 

Na categoría masculina, a gran incógnita era comprobar o estado físico de Javi Gómez Noya, despois de que a semana pasada tivera que retirarse por unha lesión muscular no glúteo. E o galego deu a cara en todo momento, estando entre os mellores clasificados ata o final. Enfrontou o terceiro segmento pegado a Mario Mola, pero cando este atacou, o ferrolán non tiña reservas para manter o alto ritmo imposto polo mallorquino. Así, marchouse Mola co francés Vicente Luis e Richard Murray, mentres que Javi ía quedando atrasado. Tanto que por detrás, coma unha bala, viña Fernando Alarza, que na carreira a pe foi de menos a máis, e remontou posicións e chegar á sétima e a só uns segundos do actual campión do mundo de tríatlon 2014. 

No seu twitter, Gómez Noya felicitou ao podio e de forma especial “ao amigo Mario Mola” e recoñeceu que “habitualmente non estou satisfeito con sexto posto, pero hoxe si. O estado de forma non era bo por varios motivos e competín mellor do que esperaba”. 

Desta forma, a primeira posición (e por tanto líder provisional do Mundial) foi para Mario Mola, que atacou aos seus compañeiros de escapada a falta dun quilómetro para a liña de meta, cun tempo de 52:32. Segundo foi Vicente Luis (52:45) e terceiro Richard Murray (52:50). O tempo de Gómez Noya (sexto) foi de 53:12, mentres que Alarza fixo 53:17. Magnífico papel o dos galegos, e de forma especial de Alarza, que lograron entrar no top-ten da proba (houbo catro españois entre os dez primeiros, co Vicente Hernández na novena posición). 

Carreira feminina. Poucas cousas boas que contar na categoría feminina, xa que María Ortega, que estaba adestrando a un magnífico nivel, non puido nin sequera rematar o segmento da bicicleta, e Melina Alonso, que si finalizou, foi a última das deportistas en cruzala la liña de meta (60ª), aínda que o tempo non foi malo. Triunfo para a actual campioa do mundo, a estadounidense Gwen Jorgensen. 

A primeira proba das Series Mundiais de 2015 celebrouse por vez primeira en Abu Dhabi e sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira a pe), que é na que ten máis problemas Gómez Noya e na que se atopan máis cómodos Mario Mola ou Jonathan Brownlee, que foi quinto hoxe. 

As Series Mundiais contarán este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os sete mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, cunha puntuación maior.