00:00 h. viernes, 19 de abril de 2024

Carmen Gómez, subcampioa por relevos mixtos nos Xogos Olímpicos da Xuventude en Nanjing

Stadio Sport  |  22 de agosto de 2014 (03:00 h.)
Mixed Team Relay Youth Olympics 21.08.2014

A galega, unha vez superadas as molestias físicas, fixo un relevo excepcional. Hoxe comezará a participación de Aroa Freije en péntatlon moderno   

 

Carmen Gómez tiña unha espiña cravada nos Xogos Olímpicos da Xuventude de Nanjing e onte logrou amosar de verdade as súas calidades. A galega non puidera render ao máximo nivel na proba individual por problemas estomacais e hoxe amosou do que é capaz. A galega fixo un mini-tríatlon espectacular (recuperando catro posicións e entregando o relevo ao último membro do seu equipo na primeira posición) e logrou así unha medalla de prata na proba de relevos mixtos dos Xogos Olímpicos da Xuventude. Agora, xa descansará tranquila e poderá contemplar a participación da outra galega presente en China. A pentatleta Aroa Freije competirá os próximos días 22 e 23 de agosto. 

Despois dunha semana complicada polos problemas estomacais - aínda así logrou a novena praza na proba individual de tríatlon- Carmen comezou a sentirse ben nos últimos dous días. Desta forma, enfrontou a competición con moitas ganas. Carmen formaba parte do equipo Europa III, no que competía xunto a Sian Rainsley (Gran Bretaña), Giulio Soldati (Italia) e Bence Lehman (Hungría), e tomaba o relevo na terceira posición. Cando recibiu a testemuña tiña por diante a catro deportistas (Oceanía, era a máis destacada a uns 30 segundos de distancia). Lanzouse a auga na quinta posición, pero ao saír da mesma xa logrará alcanzar ao grupo de tres deportistas que ían perseguindo á líder. Así na bicicleta as representantes dos equipos Europa 1, 2 e 3 traballaron de forma conxunta para lograr reducir distancias coa líder, Oceanía. Finalmente, no tramo final da bicicleta lograron integrala no grupo e así, os catro equipos comezaron o último segmento xuntos. E precisamente aí, Carmen decidiu dar un paso adiante e atacou con forza, o cal lle permitiu escaparse en solitario e facer o último relevo na primeira posición. Nesta quenda, o húngaro Bence Lehmann logrou a segunda posición, por detrás de Europa 1, e por diante de Oceanía (que foi bronce). Espectacular traballo da pontevedresa, que foi a protagonista do seu equipo con esa gran remontada, e que regresará a casa o próximo día 30 de agosto cunha medalla de prata no peto. 

 

 

Nesta modalidade de relevos mixtos, cada equipo está formado por catro deportistas (dúas mulleres e dous homes). Cada un dos triatletas tivo que facer un mini-tríatlon: un primeiro segmento de natación de 250 metros polo lago Xuanwu, seguido dunha volta ciclista de 6,6 quilómetros polas inmediacións do parque Xuanwu e  remataron con 1,8 quilómetros de carreira a pé, antes de ceder a testemuña ao seu compañeiro de equipo.

Hemeroteca