00:01 h. sábado, 20 de abril de 2024

Barreiros recupera a súa tradicional Carreira Popular de Reis neste vindeiro mes de xaneiro, que tamén servirá de homenaxe a “El Che”

Stadio Sport  |  17 de diciembre de 2014 (20:00 h.)
cartel

A cita terá lugar o día 4 de xaneiro e o seu punto de saída e de chegada situarase no campo de fútbol do Cascabeiro. Haberá diferentes circuítos e distancias para os atletas das categorías inferiores e para aqueles que compitan na carreira de adultos, que deberán percorrer 12 quilómetros

 

O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou esta tarde na presentación da Carreira Popular de Reis de Barreiros, que se recuperará no 2015 logo de varios anos sen celebrarse. O acto tivo lugar nos colexios vellos de San Miguel de Reinante e no mesmo tamén estiveron presentes Jesús Seivane e José Carlos Díaz, como representantes do comité organizador; José Manuel Pérez, El Che, persoa que será homenaxeada nesta edición; e Nicolás Veiga e Modesto Veiga, representantes das Escolas Deportivas A Mariña Oriental, colectivo que fora o que creara esta carreira popular.

Esta tradicional Carreira de Reis volve a escena grazas á implicación de varios hostaleiros de Barreiros (Café Moderno e Hotel Ría do Masma), da Peña Barcelonista de San Miguel de Reinante, de Actiboot e do Club Deportivo Praias de Barreiros. A área de Benestar e Deporte da Deputación colabora co organización. “Apostamos por este tipo de iniciativas deportivas populares e por recuperar unha carreira que foi pioneira en Barreiros e que no seu día foi unha das máis importantes de toda A Mariña”, salientou Antonio Veiga. Ademais, bromeou coa data escollida. “Está xa na recta final das festas do Nadal, así que a moitos seguro que lles serve para quitarse de enriba os excesos propios destas datas”, afirmou.

O responsable de Deportes da Deputación sinalou ademais a importancia de recoñecer a figura de El Che, “un dos corredores con mellor palmarés e máis coñecidos na Mariña e en Asturias, xa que el é natural de Cangas del Narcea, pero sempre estivo moi vinculado a San Miguel de Reinante ao ser a súa familia materna de aquí e onde reside desde hai 15 anos”, apuntou o vicepresidente provincial.

Veiga avanzou que as carreiras das categorías inferiores comezarán ese día 4 de xaneiro ás 11 horas, mentres que a saída de de adultos darase ás doce do mediodía. As distancias serán diferentes en cada categoría, polo que se establecerán circuítos para cada unha delas. A proba de adultos, con saída e chegada no campo barreirense do Cascabeiro, terá un percorrido de 12 quilómetros.

 

Límite de inscrición e prezos

A data límite para anotarse nesta competición será o 2 de xaneiro. A inscrición para os nenos será gratuíta, mentres que os adultos deberán pagar 5 euros. A maiores, a organización ofrece a opción de combinar inscrición e comida. Deste xeito, aqueles adultos que decidan apuntarse á comida posterior á carreira impulsada pola organización deberán aboar 10 euros. No caso dos pequenos, o prezo ascende a 5 euros. O prezo da camiseta conmemorativa da carreira é de 10 euros. Os encargos, a inscrición e a consulta de máis información pode realizarse a través da web www.carreirapopulardereis.jimdo.com ou no número 625 821 044.

Hemeroteca