00:07 h. viernes, 29 de marzo de 2024

O BNG entende que estes primeiros 100 días de mandato supuxeron un cambio a respecto das políticas anteriores

Stadio Sport  |  23 de septiembre de 2015 (00:13 h.)

O Grupo Municipal do Bloque sinala que a maior parte das 25 medidas non comezaron a executarse. As nacionalistas pensan que é preciso ir máis aló dos anuncios e das boas intencións e é hora de pasar á acción

 

O Grupo Municipal do BNG avaliou, nun almorzo informativo este martes, os primeiros 100 días de mandato municipal. A concelleira nacionalista Avia Veira debullou as 25 medidas para os primeiros 100 días que a Marea Atlántica se comprometeu a cumprir se gobernaba. Deste xeito, clasificou o desenvolvemento destas intencións en tres apartados: as medidas cumpridas, as medidas anunciadas e non cumpridas e as medidas que nin tan sequera foron anunciadas.

Así, Avia Veira destacou que entre os cumprimentos da Marea están a apertura aos grupos da oposición das mesas de contratación, consellos de administración das empresas municipais e outros órganos colexiados, ou a apertura dunha quenda de rogos e preguntas da veciñanza nos plenos da corporación.

A respecto das que están anunciadas, a concelleira aludiu á revisión e modificación do planeamento urbanístico, máis concretamente o plan do Ofimático, ou ao cumprimento da Lei da memoria histórica. Neste mesmo apartado, Avia Veira destacou que, ao borde do cumprimento destes 100 días, o Goberno da Marea tamén anunciou a aplicación dunha tributación progresiva máis xusta, a descentralización da xestión municipal poñendo en marcha os distritos da cidade ou mesmo a elaboración dun plan de emprego. É por isto que a concelleira estima que estes anuncios estarían ben se se executasen de xeito decidido e convida ao Goberno municipal a pasar a acción, indo máis aló da política de xestos.

No que se refire ás actuacións que nin tan sequera foron anunciadas, o Grupo Municipal do BNG sinalou entre as máis importantes a auditoría da débeda do Concello para reducir a súa carga e a aposta pola banca ética, algo que o BNG entende que se podía ter feito cando se solicitou o préstamo de 11 millóns de euros, a publicación das subvencións, contratos, incluídos os menores, ou mesmo os decretos e resolucións dos órganos municipais, incluídos os unipersoais e os dos cargos directivos. Tamén, a concelleira citou que aínda non se creou o Consello Social Municipal e nin se iniciaron os trámites da reforma do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, demanda de vello das nacionalistas. Neste sentido, Avia Veira criticou a renuncia do Goberno Municipal a reformar o ROPC que o alcalde avanzou no acto do xoves pasado de presentación das liñas da Concellaría de Participación.

Por último, a concelleira nacionalista tamén valorou o traballo desenvolvido polo BNG nestes máis de tres meses. “Estamos facendo unha oposición construtiva e coherente, proba diso é que as nosas propostas e mocións no Pleno foron aprobadas; ademais participamos dos debates en positivo engadindo emendas que son aceptadas polas demais forzas políticas”, manifestou Avia Veira. Tamén sinalou que o BNG quere seguir sendo a voz da veciñanza no Concello e ser unha ferramenta para as maiorías sociais, dando voz a quen non a ten, e facendo fincapé en que se solucionen aquelas loitas sociais como a do mercado de Santa Lucía ou a da veciñanza de Elviña, nas que ten participado.

É por iso que o BNG marca como retos máis importantes para o que queda do ano, por unha banda, que do Pleno saian uns orzamentos que prioricen o emprego, a vivenda, os reforzamento dos servizos públicos, a descentralización dos servizos sociais municipais, a dotación económica de programas de igualdade e loita contra a violencia machista, programas de loita contra a pobreza e a exclusión ou investimentos nos barrios. Outros dos retos serán a derrogación da suba do recibo da auga, executada polo PP, a revisión da taxa polo tratamento do lixo e a reformulación da fiscalidade na nosa cidade para que os impostos se paguen de acordo coa capacidade económica de cadaquén, e, polo tanto, pague quen máis ten.

Hemeroteca