23:42 h. Miércoles, 22 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

RAJOY E FEIJÓO LIQUIDAN AS AXUDAS DA DEPENDENCIA

Case o 30% dos dependentes galegos coa prestación recoñecida pola Xunta non a cobraban, fronte ao 18,7% estatal ou só o 0,77% de Castela e León, tamén gobernada polo PP. Un auténtico escándalo que habería facer demitir por vergoña á Conselleira Beatriz Mato

Xoán Antón Pérez Lema  |  14 de Junio de 2015 (23:54 h.)
Más acciones:

 

Zapatero artellou un sistema de axudas á dependencia para dependentes severos (grao II) e grandes dependentes (grao III) e aprobou a Lei de promoción da autonomía persoal  na  fin do 2006. Unha lei e un sistema que presentaban a clara deficiencia da súa falla de dotación de recursos, que tiveron que ser suplidos, no caso de Galicia, pola política social que desenvolvía o Vicepresidente Anxo Quintana. Mais o certo é que cando Zapatero saiu do Goberno do Estado, na fin do 2011, as distintas Administracións autonómicas atendían máis de 700.000 dependentes de grao II e III.

Mais Rajoy aprobou por Decreto-Lei unha brutal redución dos fondos ás autonomías para pagar estas axudas. O recurte suprimiu o pagamento da Seguridade Social aos coidadores e reduciu as pagas nun 15%, que moitas autonomías aínda reduciron máis, no marco desta reforma lexislativa, até o 85% coma é o caso de Galicia. Deste xeito, fronte á moi notábel atención á dependencia de Euskadi, Navarra, a Rioxa, Asturies ou Castela e León, Galicia é dos territorios que presentan peor cobertura destes servizos. A UGT dicía no 2014 que menos do 48% dos dependentes percebían prestación. Pola súa banda, hai poucas semanas que CC:OO: denunciou que case o 30% dos dependentes galegos coa prestación recoñecida pola Xunta non a cobraban, fronte ao 18,7% estatal ou só o 0,77% de Castela e León, tamén gobernada polo PP. Un auténtico escándalo que habería facer demitir por vergoña á Conselleira Beatriz Mato.

Unha miña amiga escríbeme contando o caso do seu pai. Hemipléxico, cunha incapacidade do 80%, non se vale por si para se vestir ou erguer da cama e precisa da asistencia continuada da súa dona, que perdeu a axuda da cotización á Seguridade Social e que ten que pagar a súa propria cota de autònomos, malia que a dedicación ao seu home impídelle traballar na súa actividade de toda a vida. A paga baixou o ano 2014 de 320 a 270 € e agora foi reducida a 68 €. Unha redución do 90% se contamos a da Seguridade Social.

E así milleiros de galegos e galegas. Rajoy e Feijoo liquidan as axudas da dependencia, mentres a supresión das Deputacións podería aforrarlle á cidadanía galega case 300 M€.