09:19 h. Viernes, 24 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

A PINZA PP-PSOE

Máis cedo ca tarde, o PSOE terá que decidir se quere partillar dun outro relato, axustado a unha idea plurinacional do Estado a unha socialdemocracia renovada e participativa, ou tenciona defender unha democracia de baixa calidade

Xoán Antón Pérez Lema  |  13 de Julio de 2015 (00:06 h.)
Más acciones:

 

PP e PSOE seica monopolizaron a representación política dende 1982, despois da desfeita da UCD. O chamado “sistema da transición” é, basicamente, a do bipartidismo dinástico, abeirado na lei D´Hondt e nunha retroalimentación que abrolla con descaro cando se lle cuestiona seriamente. Se no 1979 a UCD, Coalición Democrática (antecedentes principais do actual PP) e PSOE deron cabo á experiencia do goberno de coalición n’A Coruña de Domingos Merino, hoxendía voltamos á pinza amosada nos recentes Plenos de organización da mesma cidade e de Lugo. O mesmo Feijóo ven de declarar nunha entrevista que quere “un PSOE forte que lle diga non aos nacionalistas e a Podemos”.

E realidade un dos principais motivos polos que o PSOE, neste contexto, é un problema e non unha solución está no seu carácter de franquicia institucional, que lle merca ao PP ideas como a blindaxe da priorización do pagamento da débeda a respecto do mantemento dos servizos públicos (reforma “express” do artigo 135 da Constitución en outubro do 2011) ou unha idea monolítica de España que tende á continua recentralización e á negación da plurinacionalidade do Estado. E, á vista da iconografía de Pedro Sánchez na súa recente Conferencia Política e da limitada visión territorial de Carme Chacón, semella que o problema ha continuar.

Vivimos un tempo de fondas remudas institucionais, sociais e políticas.  Xa que logo, máis cedo ca tarde, o PSOE terá que decidir se quere partillar dun outro relato, axustado a unha idea plurinacional do Estado a unha socialdemocracia renovada e participativa, ou tenciona defender unha democracia de baixa calidade, que despreza os valores da participación cidadá e asume como dogma as estreitas lindes do austericidio.

 

 A ARRINCADEIRA: MANUEL MARÍA, POETA CÍVICO.

Ninguén pode negar o acerto da escolla este ano da Academia a respecto do protagonista do Día das  Letras Galegas.  Manuel María é o noso máis senlleiro poeta cívico dende Curros. Coherente coa súa ideoloxia, sempre foi persoa atenta e aberta, quen a sumar e  tender pontes coas persoas que non pensaban coma ela. Ogallá o 2016, ademáis de conmemoralo- canda ás Irmandades da Fala que cumpren o seu Centenario-,afonde na cultura que preferiu tender pontes a excluir ninguén, como adoitaba facer Manuel María.