23:44 h. Miércoles, 22 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

NON SOMOS COMA ELES

Xoán Antón Pérez Lema  |  11 de Enero de 2015 (19:55 h.)
Más acciones:

Vaclav Havel, intelectual, líder do Foro Cívico e logo Presidente da República checa, acreditaba que os medios para loitar contra o totalitarismo checoslovaco non podían ser os mesmos empregados por éste. “Nós non somos coma eles”, afirmaba Havel. E de certo non podemos selo. Porque se os terríbeis crimes de Paris van server, como defenden o Front National e algúns sectores da dereita española, para limitar as liberdades, pechar as fronteiras, prohibir a inmigración e outorgar carta branca á demolición do sistema europeo de garantías  democráticas é seguro que non resolvemos o problema e que eles gañan. Porque a agresión do yihadismo diríxese nomeadamente contra a liberdade de expresión e contra a convivencia plural democrática.

Evidentemente Europa non pode enfrontar este repto dun xeito inerte. Compre mellorar os medios materiais, unificar as políticas de defensa e diplomática na Unión Europea, creando un auténtico Exército e servizo de información europeos e coordinar os sistemas de información policial. O terrorismo yihadista é unha ameaza real que require dunha resposta coordinada e eficaz. Mais sen se mover un chisco do sistema de garantías democráticas. Sen Guantánamos. Porque Europa non executa xornalistas nin pode  torturar nin arrestar arbitrariamente. Non somos coma eles.

Cara á cidadanía europea compre unha pedagoxía de respecto á diferenza. O islamismo e o sionismo son ideoloxías da agresión, mais o Islam e o xudaísmo son civilizacións que achegaron elementos fundamentais para entendermos o noso mundo. O islamismo é moi minoritario no conxunto do Islam.

E, tamén, compre entendermos o multiculturalismo no contexto dunha ética civil e dunha legalidade democrática. Esenciais a esta legalidade son a igualdade dos homes e mulleres, a educación obrigatoria de todos, as liberdades relixiosa e de expresión ou a prohibición da poligamia. Nese marco de mínimos, o multiculturalismo é esencial á Europa de hoxe. E funciona. Un dos policías asasinados era un musulmán francés de orixe alxerina que protexía aos xornalistas do Charlie Hebdo e outro musulmán francés de orixe subsahariana foi quen salvou aos xudeus na tenda kosher  atacada polo terror yihadista.