14:00 h. viernes, 29 de marzo de 2024

UN ERRO HISTÓRICO

Xoán Antón Pérez Lema  |  05 de octubre de 2015 (02:00 h.)

As eleccións catalás evidenciaron que a chave das vindeiras xerais ha ser a territorial

Junts per el Si presentarase e acadará un mínimo de 20 deputados. O PNV, EH-Bildu e Compromis  acadarán cadanseu grupo parlamentario. Geroa Bai manterá a súa representación, canda a Presidencia do Goberno foral navarro. Os nacionalistas canarios e das Illes desfrutarán dunha sólida representación.

Por outra banda, esfarélase como escenario unha alternativa estatal baseada unicamente en Podemos e adherentes. E as experiencias dos gobernos do PNV en Euskadi e dos nacionalistas do SNP na Escocia amosan con claridade que o autogoberno constrúe benestar e posibilita axendas sociais e económicas alternativas ás neoconservadoras que imperan en Berlín ou Madrid. Se Galicia como suxeito político diferente non estivera presente na vindeira lexislatura non disporemos de armas reais contra da enxurrada recentralizadora e privatizadora que o PP e C´s abeiran.

Non existen incompatibilidades reais entre as bases cidadás e sociais das distintas opcións políticas que poderían concorrer nunha hipotética e cada vez máis problemática candidatura galega unitaria. Mais xusto é dicir que, dende a banda do nacionalismo, o BNG semella ir sendo quén a superar os receos que amosaba de primeiras a respecto da integración de sectores alleos ao galeguismo. Pero  Podemos non deu aínda paso ningún que demostre a súa compatibilidade real, facendo parte da mesma candidatura, co galeguismo.

As distintas Mareas e candidaturas locais de unidade, os alcaldes e alcaldesas das distintas opcións galeguistas e a ilusión cidadá xerada pola mera constatación da posibilidade dunha unión electoral en positivo demostran que existen vimbios abondo para construir. Falta, apenas,  a visión estratéxica en determinados actores para dar o paso irrevérsibel.

Dúas candidaturas serían un grave erro histórico. Un erro que deixaría fóra Galicia da reforma política que se vai abrir, si ou si, dende primeiros do 2016. Que condicionaría en negativo as nosas posibilidades futuras de máis benestar e de progreso económico. E o peor de todo é que non se albisca ningún efecto positivo dun erro desta caste. Mesmo nin para o proxecto estatal de Podemos.

Hemeroteca