22:12 h. Miércoles, 22 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

COLLEN UNS E OUTRAS

Semella que gañou moito apoio social a proposta dunha candidatura cidadá e unitaria galega ás vindeiras eleccións xerais. Unha Maré galega, que integre aos partidos, mais dende o predominio cidadán e social, dende esquemas que posibiliten a adscrición persoal de todos os cidadáns. É dicir, ao xeito no que xurdiu e tomou corpo a Marea Atlántica coruñesa

Xoán Antón Pérez Lema  |  03 de Agosto de 2015 (00:00 h.)
Más acciones:

Esta candidatura cidadá podería integrar todo o espectro político e social agás aos partidos do bipartidismo dinástico que crearon a grave crise institucional  que sofrimos e a Ciudadanos (C’s), por  desbotar toda colaboración co galeguismo político. Porque excluir uns ou  outras do ámbito do acordo limitaría substancialmente as posibilidades de suceso electoral sen gañar nunha meirande forteza ou coherencia internas.

Dous son os problemas fundamentais que penduran sobre esta Maré galega: a falla de flexibilidade de determinados elementos do BNG para integrar persoas e sectores alleos ao ámbito do galeguismo e a decisión de Podemos de se presentar en Galicia só ou en coalición ao xeito de PODEMOS máis X, no canto de diluir as súas siglas na eventual Maré, como de feito están dispostos a facer o resto dos partidos. E os dous problemas son solúbeis, con intelixencia e xenerosidade.

A candidatura galega habería ter o seu centro de decisión en Galicia e os seus órganos e grupo parlamentario ser totalmente independentes de calquera outra estrutura política ou partidaria. Mais habería integrar ás persoas alleas ao galeguismo político que asuman Galicia como referente de decisión. Canto á integración de Podemos precisa dunha reflexión dende este partido, no que xogarían un papel fulcral os cadros galegos que viviron o éxito da Marea Atlántica ou de Compostela Aberta e coñecen os riscos da desunión e, pola contra, o agasallo que sempre obtén  a unidade en política.

Mais para que os partidos poidan adoptar as súas decisións, de xeito que uns e outras collan na futura Maré, compre tamén dotar ésta dun “corpus” doutrinal e programático(a plataforma Somos Nós ven de presentar unha primeira achega) e, sobre todo, dun pulo social, que xurda dende a cidadanía e, quizais, dende o Poder local de moitos concellos grandes, medianos e pequenos. Pulo social que comeza ser urxente, pois que perder máis tempo sería perigoso.